SanidadeÚltima hora

Cooperación e asistencia sanitaria transfronteiriza

A sede da Eurocidade Verín-Chaves acollía un workshop sobre esta temática
Este workshop sobre asistencia sanitaria transfronteiriza tiña lugar en Verín.
Este workshop sobre asistencia sanitaria transfronteiriza tiña lugar en Verín.

Os impactos da aplicación da Directiva europea sobre asistencia sanitaria transfronteiriza, a mobilidade do persoal sanitario e algúns casos prácticos de asistencia sanitaria en fronteira. Son os tres bloques en torno aos que se estruturaba a xornada “Asistencia Sanitaria no Contexto Transfronteirizo: Custos e Oportunidades”, que se desenvolvía ao longo do 19 de novembro na sede da Eurocidade Chaves-Verín (antiga aduana española en Feces de Abaixo).

Este workshop era inaugurado en torno ás dez da mañá polo alcalde de Verín Juan Manuel Jiménez e contaba coa participación de Jesús Gamallo (director xeral de Relacións Exteriores e coa UE), Nuno Almeida (coordinador da Comunidade de Traballo Galicia/Norte de Portugal), Antonio Fernández Campa (xerente do Servizo Galego de Saúde), Ponciano Oliveira (vogal do consello de dirección da Administraçâo Regional de Saúde do Norte, ARS-N), Maria Inês Pereira Dias (directora da Escola Superior de Enfermagem Dr. José Timóteo Montalvâo) Manel Más (director médico do Hospital da Cerdanya), Eloína Núñez (xerente de xestión integrada dos Hospitais de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras), Fernando Miguel Pereira (vogal executivo do Consello de Administración do Centro Hospitalar de Trás-os-Montes e Alto Douro) ou Luís Filipe do Nascimento Teixeira (director executivo do Agrupamento de Centros de Saúde do Alto Tâmega e Barroso), entre outros.

Tras desenvolver ao longo do día os tres paneis temáticos de traballo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández- Campa, clausuraron este seminario, onde destacaron a importancia da cooperación transfronteiriza en materia sanitaria no marco da Eurorrexión.

Un dos momentos deste seminario.
Un dos momentos deste seminario.

Na súa intervención, Gamallo lembrou que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está a desenvolver unha “cooperación de proximidade ou de segunda xeración” a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, apostando de maneira decidida por conseguir unha Eurorrexión punteira, que teña como os seus alicerces fundamentais o coñecemento e a proximidade.

A finalidade deste seminario é asegurar un mellor acceso á atención sanitaria de calidade para as poboacións das zonas fronteirizas, garantir su continuidade, optimizar a organización da oferta de atención sanitaria e promover a complementariedade dos coñecementos e prácticas. Nesta liña, a Comunidade de Traballo pretende seguir fomentando, axudando e colaborando con tódalas propostas que xurdan para mellorar a cooperación transfronteiriza. E entre as máis suxestivas, sen dúbida a colaboración no eido sanitario é unha prioridade.

Artigos relacionados

Back to top button