CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Coral De Ruada actuará este venres no Teatro Lauro Olmo do Barco

O concerto está enmarcado dentro da xira da Ourensanía que levará ao coro por toda a provincia
A Coral De Ruada, nun concerto en Ourense. /Foto: Sara Fontenla.

Este venres, 24 de novembro ás 21 horas, o Teatro Lauro Olmo do Barco acollerá un concerto da Coral De Ruada. Unha actuación enmarcada no programa da Ourensanía patrocinado pola Deputación de Ourense que levará ao coro ourensán por varias localidades da provincia.

Tal como avanzan dende a coral, o repertorio está formado por cantigas populares relacionadas coa provincia Ourense e a provincia (Foliadas da Rabeda e da Peroxa, Pandeirada de Ourense, Foliadas de Luintra, Canto a Ourense, Ourense no solpor,…). Con respecto ás polifónicas “tanto letristas como músicos, son ourensáns”, explica o vicepresidente Emilio Rodríguez. Manuel de Dios Martínez (ex director da Coral De Ruada), José Fernández Vide ou Xoán Antón Vázquez Casas (actual director da coral), coa única excepción da cantiga O quer que lle quer, popular con harmonización do músico vallisoletano afincado na Coruña, Mauricio Farto, unha das primeiras que gravou a Coral en 1929.

Despois da actuación no Barco de Valdeorras, xa no mes de decembro, a xira da Ourensanía levará á Coral de Ruada ata Montederramo (día 8), Celanova (día 12), Vilamarín (día 16), Castrelo de Miño (día 17), Xinzo de Limia (día 22), Bande (día 23), Viana do Bolo (día 29) e Cea (día 30).

Ademais, o coro dirixido poe Xoán Antón Vázquez actuará o 26 de novembro en San Cibrao das Viñas, o 28 de decembro na Catedral de Ourense (concerto de Nadal) e o día 3 de xaneiro na Igrexa das Caldas (concerto de Reis), ademais de cantar a Misa de Reis o día 6 na Catedral.

Artigos relacionados

Back to top button