En portadaÚltima hora

Cortado o tráfico no casco antigo do Barco polas obras de rehabilitación de infraestruturas de saneamento

Esta intervención comezaba o 22 de abril e está previsto que continúe ata o vindeiro venres día 26

Tal e como estaba previsto, este luns 22 de abril o Concello do Barco comezaba a realizar unha intervención para a rehabilitación das infraestruturas de saneamento en tres rúas de casco antigo barquense: San Roque, Real e San Mauro. Isto ten suposto cortar ao tráfico de vehículos esta zona barquense.

Está previsto que estas obra se prolonguen ata o vindeiro 26 de abril e estanse a facer dende as 7:30h. da mañá e ao longo de toda a xornada. “Nestas obras vaise aplicar o método de encamisado de tuberías con manga flexible. Esta tecnoloxía permite evitar zanxa e destaca pola súa rapidez, ademais de representar unha solución a longo prazo para as tuberías de saneamento que quedan completamente renovada”, segundo a información que ofrecía a empresa Stlima aos veciños a través de notas colocadas no casco antigo barquense.

Durante esta intervención a empresa pídelles a súa colaboración aos veciños para que utilicen a mínima cantidade de auga posible. Tamén lles recomenda que tapen todos os desaugües das casas, xa que durante o proceso de traballo utilizarase unha substancia “totalmente inocua”, pero cun “lixeiro olor parecido ao gas”.

Esta intervención tamén ten suposto que dende este martes 23 de abril non se pode estacionar na zona do Porto da Barca, próxima á praza Maior do Barco, xa que está sendo usada como saída de camións.

 

Artigos relacionados

Back to top button