A Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) recupera, pouco a pouco, o seu esplendor. O funambulista record Guiness, Mustafá Danger abriu recentemente unha escola de circo nas antigas instalacións, que permanecen a día de hoxe practicamente inalteradas. O poboado foi fundado polo pai Silva na década dos 60 como un lugar para acoller a nenos orfos e refuxiados de todo o mundo, nunha especie de “micronación democrática”. Tiñan eleccións e moeda propia e no recinto podíanse aprender numerosos oficios. O seu circo chegou a ser o máis importante de España e o segundo de Europa, por detrás de Moscova. Agora, Mustafá, quere recuperar o proxecto do clérigo e ofrece clases para todos os públicos durante toda a semana.
O pasado domingo, 9 de agosto, Mustafá Danger actuou nun espectáculo de funambulismo celebrado na Rúa, con motivo das Festas de Verán, que este ano tiveron que reducir a programación debido á pandemia do coronavirus. No evento, estiveron presentes varios artitas de circo que viviron en Bemposta na súa época dourada e que agora forman parte do equipo de Mustafá. Á actuación acudía tamén un mozo rués, Cristian Fidalgo, que na actualidade está formándose na nova escola.
Cristian Fidalgo, de 24 anos e natural da Rúa, sempre sentiu pasión polo circo. No mes de xuño, o mozo decidiu probar sorte na escola de Mustafá Danger e quedou encantado con ese oficio e o estilo de vida que levaban no antigo poboado do pai Silva. “Quero dedicarme profesionalmente a esto”, afirma Fidalgo. Actualmente, continúa o seu traballo habitual na localidade de Petín coa intención de aforrar os suficientes cartos para ser un dos novos muchachos de Bemposta.
– ¿Cando comezaches a interesarte polo circo?
Sempre me gustou ese mundo. Aos meus pais non lles parecía demasiado ben ao principio e máis coa pandemia do coronavirus. Eu fun a visitar Bemposta, tomei unhas fotos e mandeillas a Mustafá. Pregunteille cómo podía formarme no circo e díxome que volvese un día que estivese él. Faloume varias veces pero como eu traballo, non podía ir. Ao final fun unha semana e algo, a principios de xuño.
– ¿Cal foi a túa primeira impresión?
Vas cun pouco de medo. Non coñeces a ningúen e eu só falara con Mustafá un par de veces por WhatsApp. Sen embargo, cando cheguei alí, sentinme como na casa. Déronme as chaves da miña habitación, comía con eles… Tiña que probar si ou si e namoreime da vida de circo. Agora non podo estar alí permanentemente, teño que aforrar e vou unha vez por semana máis ou menos. Tamén merquei un trapecio para practicar na miña casa.
– Fuches ti quen propuxo a actuación de Mustafá o pasado domingo na Rúa.
Cando fun á Cidade dos Muchachos, Mustafá non me cobrou nada. Durmía con eles, comía con eles e ensinoume a facer circo. Cando regresei sentíame en deuda con el. Como eu estaba nas listas co alcalde da Rúa, falei con el e comenteille se poderíamos vir ata a Rúa. Tivemos unha reunión con Mustafá e ao final actuamos.
– ¿Dende cando está aberta a escola?
Abriu en febreiro, xusto antes da pandemia do coronavirus. Foi idea de Mustafá, que xa o tiña planeado dende fai anos. Comezou de cero, con material que xa tiña e que foi conseguindo pouco a pouco. El viviu na Cidade dos Muchachos, recolleuno o pai Silva con 14 anos en Tánxer e sente que ten que devolverlle ese favor.
– ¿Todo se realiza con fondos propios?
Si. Non temos ningún tipo de subvención. Temos unha hucha de donativos por se alguén quere axudar pero en xeral é algo que está a facer Mustafá cos seus cartos. Está buscando apoios pero é moi difícil.
– Actualmente a Escola Internacional de Circo Los Muchachos imparte clases de circo. ¿Que se pode atopar o visitante que quiera probar este oficio?
As clases son para todos os públicos. Tes péndulo, arame, teas, a moto; Patricia e Nerea ensinan ximnasia rítimica; tamén hai malabares e acrobacias. Agora están montando os trapecios voantes, que cando eu estiven tan só había un fixo para practicar. Antes as clases eran gratuítas para que a xente fora aprendendo pero vendo que o proxecto está crecendo agora cóbrase algo. Segue sendo un prezo moi barato en comparación con outras escolas pero esto permite manter aos actores, as instalacións e as máquinas. Quen quiera aprender, algo ten que aportar.
– ¿Aproveitáronse as máquinas antigas ou é todo completamente novo?
Non se aproveitou nada, nin sequera a carpa. Cando eu estiven puxemos unha de circo americano que mercou Mustafá porque a outra estaba xa rota. O único que queda son os pibotes para subir ao arame.
– Os espectáculos de Mustafá aínda non se venden como unha actuación da Cidade dos Muchachos.
De momento non. Teñen que reactivalo primeiro e volver a poñer o circo en funcionamento. Polo de agora Mustafá presenta os números como “Mustafá Danger”.
– ¿Que expectativas tes no proxecto?
Eu creo que irá ben. Os días que vou alí hai sobre 30 o 40 persoas; está chegando moita xente. Varias escolas doutros países tamén contactaron con Mustafá para levar xente a Bemposta. Eu diría que os interesados en probar, non se queden coas ganas. Alí ensínanche, tanto se queres facer algo profesional como se o pensas máis como un hobbie.
– ¿Cal é o horario das clases e como se pode concertar cita?
As clases son todos os días da semana, pola tarde. De 19:00h a 21:00h se vai moita calor, senón poden ser un pouco antes, ás 17:30 ou 18:30. Se tes Instagram podes contactar a través da nosa conta @ics_los_muchachos. Pero o mellor é que vaias alí se estás interesado, é o que está facendo moita xente.