Poetas, investigadoras, artistas, docentes, críticos literarios e activistas culturais. No xurado do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán está presente un perfil moi variado de creadoras e amantes da literatura que asumen con ilusión esta responsabilidade no ano no que o autor valdeorrés protagoniza as Letras Galegas.
Os integrantes do xurado desta edición 2022 son Cristina Pato, unha das creadoras ourensás con maior proxección internacional; María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona e investigadora; Ramón Nicolás, crítico literario, profesor, tradutos e escritor; Antía Balvís, poeta e activista cultural que forma parte da xeración do século XXI dos poetas galegos; Emilio Vega, biblófilo, divulgador e membro de Valdeorras Infinda e do proxecto As Letras de Florencio; e Eilún del Pazo, poeta e gañadora da anterior edición do premio.
As obras a concurso (poemas inéditos en galego de entre 15 e 90 versos) poden presentarse ata o 29 de setembro no Concello de Vilamartín de Valdeorras e as bases poden consultarse en http://www.asletrasdeflorencio.gal. A obra gañadora será desvelada nunha gala que se vai celebrar a finais de outubro no teatro Lauro Olmo do Barco e recibirá un premio único de 3.000 euros.
Trátase da cuarta edición dun premio que conta co apoio da Deputaciónde OUrense e dos Concellos valdeorreses implicados no proxecto As Letras de Florencio: O Barco, Vilamartín, A Rúa, Rubiá e Petín. Nas anteriorres edicións os gañadores foron Jorge Moral, co poema …Quen diría, Raúl López con Vinte na Desolación e Eilún del Pazo, con Da memoria da Mencía.