EntrevistasÚltima hora

Cristina Verbena: “Todos temos moita necesidade de que nos conten historias”

Esta narradora oral aragonesa presentaba a súa sesión de contos "Inevitable" no ciclo "De Perto", no Barco

A contadora aragonesa Cristina Verbena, no Paseo do Malecón do Barco.

 

Comezou cos contos case por casualidade, alá por 1998. “Estaba estudando Filoloxía Hispánica, pero resultábame moi teórico, así que, xunto cunha amiga, montei unha tertulia sobre a imaxinación, a fantasía. Preparabamos xogos sobre contar contos, por exemplo, empezar un conto de Carmen Martín Gaite e que a xente o acabara de forma distinta. Isto gustou moito e empezamos a contar como pasatempo”, explica a narradora oral aragonesa Cristina Verbena.

Daquela non sabía que contar era unha profesión. Descubríao “no maratón de Guadalaxara, alí vin aos narradores que xa estaban contando profesionalmente, vin que era un traballo, que te podías formar. E así empecei. Só deixei de contar un tempo para facer un teatro moi físico, moi de vangarda, pero volvinme aos contos porque gústame moito a relación que che dan co público e a capacidade de poder improvisar. Aínda que leves un repertorio, podes cambiar e engadir cousas en función da xente, xogar co presente, e iso no teatro bótabao moito de menos”, confesa esta contadora.

Cristina Verbena actuaba por primeira vez en Galicia o 7 de xullo no marco do ciclo “De Perto”, co seu espectáculo “Inevitable”, título inspirado nunha obra de John Berger, Aquí nos vemos. “En cada capítulo fala dunha cidade distinta. O primeiro está dedicado a Lisboa e, nel, a mai de Berger dille que cre en arranxar as cousas e nalgo máis: en que o desexo é inevitable, non se pode parar, e por iso lle din ese título á sesión de contos”.

¿Por que pensa que hoxe a xente quere escoitar contos?

Para min é un misterio, ás veces sinto medo antes de empezar unha actuación porque penso non vai funcionar, e logo empezas a contar, e si. Creo que todos temos moita necesidade de que nos conten historias, eu tamén, é algo como moi profundo, moi noso como ser humano, que alguén se che poña diante a contar. Tes o corpo, a voz e tes unha persoa diante de ti que che está contando e iso esperta moito respecto moito interese. Mentres contas pos moito en xogo e é moi difícil mentir.

 ¿Que tipo de historias conta?

Para min case todo vén do escrito, de fontes orais teño moi pouco, algún conto tradicional que me contaron nalgún pobo. Leo e adapto e traballo tanto material tradicional como literario e gústame mesturalo, despois. Manteño a estrutura do conto, pero logo engádolle outros elementos, por exemplo, de súpeto, un poema en medio dun conto tradicional e logo sigo, xogo.

E se atopo un conto tradicional que me gusta, busco primeiro varias versións del, xa que me dan máis material, e fago unha mistura delas ou collo a que máis me gusta. E logo conforme a vas contando, vaise facendo á túa maneira de contar. O contido é moi importante, pero tamén como o contas, e aí vén a personalidade de cada narrador, a parte máis creativa, os xestos, como tratas a un personaxe…

 

Cristina Verbena actuando no “De Perto”, na tarde do 8 de xullo no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco).

 

¿Son contos con ensinanza?

No tradicional hai contos abertamente morais e hainos desconcertantes, os que che falan da vida. Eu evito a moral aberta, cada conto ten un punto de vista e unha maneira de ver o mundo e dende esa perspectiva todos teñen unha moral, pero unha ensinanza eu evítoa sempre, a non ser que sexa de broma, que tamén pode ser. Fíxate o gato con botas, por exemplo, que mintindo consegue o que quere, é un conto moi poderoso porque os nenos séntense moi identificados, en realidade o gato con botas é o que non vale nada, danllo ao fillo pequeno. Resulta curioso, pero non funciona como liña recta. Si que teñen unha lóxica, pero unha lóxica interna de cada conto, o que eu chamo unha lóxica fantástica, e dentro dela si que son moi coherentes. Se un personaxe está triste, vai actuar conforme a esa tristura.

Se falamos de textos literario, ¿que autores escolle para as súas sesións?

Leo moito e ten que ser un texto ou un conto que a min me chame contalo, que me emocione moito, que me intrigue ou que me pareza imposible de contar, iso pasoume. Conto Roberto Bolaño, Anne Sexton, Kate Tempest, Flavia Company, que é unha autora catalá que me deu permiso para contar todo o que queira, John Berger…

Conta tanto para xente adulta como para nenos…

Si, e para bebés tamén. Para adultos teño argumentos máis complicados, contos máis longos, podo permitirme, en determinados momentos, un vocabulario máis soez, ou de repente unha broma máis bruta.

Para nenos coido moito o vocabulario e tamén que sexa rico, e xogo máis co conto, cos personaxes, coa trama. Cando conto para nenos privilexio máis o xogo. Con tres contos pode facerse unha boa sesión para nenos porque preguntan e improvisamos e contamos. E como escoitan… Son todo corpo, estante escoitando e intervindo ou imitan os xestos ou coméntanche algo do conto, porque están aí, son super interesantes.

E para bebés é o ritmo, é a palabra como canto e como ritmo, máis que o contido.

¿E para a mocidade?

Pois contos que falan do que lles interesa que eu penso que é a amizade, que a teñen como valor moi forte, gústanlles os contos que plantean cousas sobre a vida, de xente que non lle gusta a vida que ten e que busca, por exemplo, o mozo que busca un lugar onde nunca se morre e sae na súa procura, todo o mundo lle di que ese lugar non existe, pero el asegura que se ese lugar existe, vaino atopar.

Ou o conto de Tiresias, o seu mito é moi curioso porque xoga coa diversidade de xénero, vólvese muller, logo home, e iso tamén lles facsina moito. E logo que noten que non os estás tratando como a nenos, iso si.

¿Que opina dos narradores orais galegos?

Hai moita variedade e son moi interesantes. Tedes a Paula Carballeira e ao lado a Celso F. Sanmartín, que é moito máis tradicional, e a Quico Cadaval, que se move por onde quere..

¿Como ve o futuro da narración oral?

Non sei… Co confinamento parecía que o meu oficio ía desaparecer porque se lanzou todo o mundo a contar nas redes, pero logo pensei, ¿canto sobreviviu? ¿canto leva o meu oficio? Eu espero que se manteña, dende logo se se transforma en contar en redes pois seguramente me dedicarei a facer outra cousa porque me gusta o presencial, pero eu vexo que hai unha necesidade e que en canto se puido retomar, retomouse. E nos pobos, sobre todo, a xente fixo por manter a cultura e por seguir programando. Vin moita vontade e moitas ganas tamén do público, facendo sesións con nenos de hora e cuarto, porque non se moven, queren contos; e con adultos con todo o aforo permitido. A xente ten ganas.

Texto e fotos: A.R.

 

A narradora, noutro dos momentos da súa sesión de contos en Viloira.

Artigos relacionados

Back to top button