A Gudiña acollía na mañá deste martes 9 de xullo o acto de inauguración da nova sede da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Viana, Conso-Frieiras; unha cita que reuniu a autoridades, voluntariado, persoas socias, empresas colaboradoras e participantes de distintos programas que desenvolve a organización humanitaria.
No acto interviñeron María del Pilar Vega, presidenta comarcal de Cruz Vermella; Néstor Ogando, alcalde da Gudiña; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; e Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense.
Vega exerceu de anfitrioa e agradeceu a colaboración con Cruz Vermella das administracións públicas, persoas socias, colaboradores, ao voluntariado e ao Comité Comarcal da institución. Neste sentido, apuntou que “no pasado ano contamos con preto de 700 participantes nos diferentes programas e proxectos de inclusión social de Cruz Vermella en Viana, Conso-Frieiras. Unha actividade que é posible grazas á dedicación e entrega de 130 persoas voluntarias da asemblea comarcal”.
O presidente da Deputación, Luis Menor, cualificou esta nova infraestrutura como “exemplo de utilidade da cooperación institucional para mellorar a vida das persoas”, e puxo en valor o traballo que desenvolve o voluntariado na comarca. Salientou que a intervención social nas administracións locais e provincial é cada vez máis necesaria por cuestións demográficas, “e grazas a organizacións como Cruz Vermella, chegamos a onde non seríamos capaces de chegar as administración por si mesmas”, de aí que destacase a colaboración constante da Deputación con esta institución desde os seus propios inicios en Ourense: “A historia da organización humanitaria en Ourense é tamén unha parte da historia da Deputación. Só cabe lembrar que a Cruz Vermella en Ourense foi fundada o 21 de outubro de 1893 no salón de plenos do Pazo Provincial”.
O presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, agradeceu moi especialmente á Deputación Provincial “a súa implicación para que esta nova sede poida ser unha realidade”, para a que destinou unha subvención de 48.000 euros. “Estamos nun espazo acolledor onde poderemos dar unha mellor resposta ás necesidades da comunidade, especialmente das persoas maiores da comarca, persoas que viven soas, con problemas de saúde en moitos casos, pero tamén de familias con menores e persoas en situación de vulnerabilidade por falta de recursos económicos”, dixo. Ferreiro engadiu que “a pandemia deixou moitas ensinanzas, entre elas a importancia da proximidade para poder atender emerxencias sociais de diferente natureza; e de aí que a nosa organización siga apostando por asumir novos retos para seguir estando ao carón de quen máis apoio precisa”.
Ferreiro apuntou que “con esta inauguración ábrese na comarca unha nova etapa de traballo ilusionante, marcada pola Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e coa vocación de que este novo espazo sexa un referente de inclusión e tolerancia”.