EconomíaEconomíaÚltima hora

Cruz Vermella Valdeorras agradece ás empresas da comarca “a súa colaboración co Plan de Emprego”

'Un reto, una oportunidad de vida' é o título da mostra fotográfica coa que pon en valor a complicidade das empresas que colaboraron coa entidade ao longo deste 2022

 

O agradecemento e recoñecemento ás distintas colaboracións realizadas polo tecido empresarial valdeorrés ao labor social de Cruz Vermella centraba o acto celebrado na tarde do xoves 1 de decembro na propia sede da organización, na Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras.

A presentación da exposición fotográfica ‘Un reto, una oportunidad de vida’ coa que poñen en valor a complicidade das empresas que colaboraron coa entidade ao longo dese 2022, converteuse nun lugar de encontro onde compartir con representantes de empresas de distintos sectores e outras entidades sociais un tempo de reflexión sobre o seu compromiso coa responsabilidade social e como as oportunidades que as empresas brindan a participantes dos diferentes proxectos logran mellorar as súas vidas.

 

 

Cruz Vermella pretende que actos como este constitúan unha pequena paréntese nas rutinas diarias, sendo aproveitado por María Vitoria Núñez, presidenta comarcal da organización, e Noelia Maio, responsable do proxecto “Reto Social Empresarial: Alianzas” en Valdeorras, para manifestar “o seu máis sinceiro agradecemento ás empresas e diferentes entidades polo apoio prestado, de forma constante e puntual, cada vez que se lanza un chamamento de axuda”.

O acto enmárcase no proxecto “Reto Social Empresarial: Alianzas en materia de inserción laboral”, que conta co apoio do Ministerio de Emprego e Economía Social e do Fondo Social Europeo a través do POISES, Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social.

 

 

O Plan de Emprego 

O balance de 2022 do Plan de Emprego de Cruz Vermella en Valdeorras presenta cifras de atención a 169 persoas a día de hoxe, das que 125 están a seguir un itinerario de inserción laboral, e delas máis da metade conseguiron unha inserción laboral. Un traballo que “só é posible grazas ás diferentes colaboracións de ao redor das 100 empresas coas que Cruz Vermella contou como cómplices a través da firma de convenios, intermediación de ofertas de emprego, participación en sesións grupais de orientación, participación na selección de candidatos/as para os cursos de capacitación e posterior acollida para a realización de prácticas non laborais nos seus centros de traballo, así como o desenvolvemento de accións de sensibilización e difusión en materia de diversidade e responsabilidade social, fomentando contornas inclusivas onde as persoas coas que traballamos teñan máis oportunidades de inserción”, aseguran dende a asemblea comarcal.

 

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button