En portadaÚltima hora

Cupa Group compra o grupo louseiro Samaca Irosa

Deste xeito "fortalece a súa posición como líder mundial na produción e venda de lousas para cubertas e fachadas", asegura a compañía

 

Cupa Group vén de anunciar a adquisición do grupo Samaca, compañía especializada na extracción, fabricación e comercialización de lousa con sede no Trigal, en Carballeda de Valdeorras (Ourense). “A través desta operación, Cupa Group reforza a súa posición de liderado como primeiro produtor de lousas para cubertas e fachadas a nivel mundial”, asegura o grupo.

Fundado en 1968, o grupo Samaca conta con 300 empregados e está constituído polas sociedades Pizarras Samaca, empresa comercializadora, e Irosa e Pizarras Gonta, empresas produtoras que operan a través de cinco canteiras e sete plantas transformadoras, situadas nas localidades de Ou Trigal e Portela, en Carballeda de Valdeorras, e A Baña, na comarca leonesa da Cabrera. Estes activos incorpóranse a Cupa Group para ampliar a súa capacidade produtiva e comercializadora en todo o mundo. A posición de Samaca como referente do mercado internacional de lousa destaca en multitude de países, sendo Francia, Reino Unido, Benelux e Estados Unidos os principais mercados aos que exporta.

Estratexia de crecemento

Samaca rexistrou unha facturación de 30 millóns de euros en 2023. A súa adquisición reactiva o crecemento inorgánico de Cupa Group despois de incorporar a Pizarras Galegas, Proinor, Lomba e Rinus Roofing en 2021 e convérteo nun grupo empresarial que xestiona 79 filiais, 30 canteiras, 40 plantas transformadoras, 70 centros de distribución e 2.800 empregados con presenza en nove países, que en 2023 xeraron unha facturación consolidada de 465 millóns de euros. A compañía, impulsada pola integración de Samaca Irosa, prevé alcanzar os 500 millóns en 2025.

Javier Fernández, CEO de Cupa Group, destaca a operación como “un investimento que ampliará a nosa capacidade produtiva e expandirá a nosa presenza nos mercados onde operamos para fortalecer o noso liderado. Con esta adquisición, a máis importante a nivel económico e estratéxico na historia do grupo, demostramos a nosa absoluta confianza no futuro do sector da lousa, que ten un alto potencial de crecemento se continuamos investindo na súa modernización e desenvolvemento, fomentando un modelo de negocio sostible, que está a xerar moito emprego estable e de calidade, e contribuíndo de forma significativa ao desenvolvemento socioeconómico da nosa contorna, maioritariamente rural”.

 

Javier Fernández, CEO de Cupa Group.

 

Sobre Cupa Group

Cupa Group é unha multinacional formada por 79 empresas con sociedades filiais en nove países, 29 canteiras e exporta a máis de 70 países dos cinco continentes, empregando a máis de 2.800 persoas. En 2023, a súa actividade xerou 465 millóns de euros de facturación. As tres principais liñas de negocio do grupo son Cupa Pizarras, o líder mundial en lousa natural, Burton Roofing, o segundo maior distribuidor de materiais para cubertas do Reino Unido, e Cupa Stone, os expertos en pedra natural, líderes en distribución en España, Francia e Portugal.

En 1892 inaugúrase a súa primeira canteira, Solaina de Forcadas, en San Pedro de Trones (León). Hoxe, froito do acordo en 1968 de cinco empresarios que soñaban con vender a súa produción en todo o mundo, Cupa Group é un conxunto de empresas que operan en distintos sectores, recoñecibles pola súa excelencia, innovación e compromiso coa contorna.

Back to top button