ConcellosO BarcoÚltima hora

Curso de formación de socorristas profesionais, con 25 prazas, no Barco

A formación desenvolverase entre o venres 28 de abril e o venres 4 de xuño, con clases os venres pola tarde, e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde

Exterior da piscina climatizada do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Edificio Multiusos do Barco e as instalacións da piscina municipal climatizada serán os lugares de celebración dun curso de formación específica de socorrismo que impartirá a Academia Galega de Seguridade Pública. Dende o Concello do Barco din que a “celebración deste curso tiña sido solicitado en varias ocasións polo alcalde, Alfredo García, á Dirección Xeral de Administración Local, para paliar a carencia de socorristas profesionais na comarca de Valdeorras”.

O DOG publicaba o venres as bases e as condicións de inscrición neste curso e noutros tres máis no ámbito da comunidade autónoma galega, con 25 prazas para cada un delas. Os interesados poden entrar no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230324/AnuncioO3C2-160323-0001_gl.html para consultar todas as condicións establecidas para poder formalizar a inscrición, así como o formulario para poder participar neste curso.

Os inscritos admitidos deberán superar unha proba de natación, que se celebrará o próximo 24 de abril na piscina climatizada municipal do Barco.

A formación desenvolverase entre o venres 28 de abril e o venres 4 de xuño, con clases os venres pola tarde, e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde. No edificio Multiusos terán lugar as clases teóricas, e as prácticas desenvolveranse na piscina climatizada. Os participantes serán formados en socorrismo tanto en instalacións deportivas como en espazos acuáticos naturais.

A realización desta actividade de formación garantirá que este próximo verán se poda contar con persoal formado para a atención nas piscinas e praias fluviais da comarca, despois dos problemas rexistrados o ano pasado, e que impediron que algunha das piscinas da contorna puidera abrir na tempada de verán.

Artigos relacionados

Back to top button