Nova iniciativa de apoio ás pequenas e medianas empresas (Pemes). O Concello de Parada de Sil, co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea, asociouse coa axencia de publicidade Trasgos de Caldelas para ofrecer cursos de márketing e publicidade completamente gratuítos aos que polo momento acudiron máis de 15 empresas da zona.
Estes cursos, que xeraron un gran entusiasmo nos asistentes, teñen como obxectivo fortalecer a presenza en liña e as estratexias publicitarias das PEMES da zona. Estas accións formativas, cunha duración de catro días, abordan unha variedade de temas fundamentais para o éxito no mundo do márketing e a publicidade. Entre os temas destacados inclúense a aplicación de intelixencia artificial na publicidade, técnicas para mellorar a fotografía de produtos, ferramentas de produtividade, estratexias publicitarias efectivas e como vender a través de internet.
O prazo de inscrición aínda está aberto, e os cursos continuarán ata principios de outubro. Os municipios da Teixeira e Parada de Sil serán os últimos en acoller estas formacións durante os días 2, 3, 4 e 5 de outubro. Todas as Pemes, autónomos e emprendedores que aspiren a iniciar ou mellorar os seus negocios poden inscribirse sen custo algún.
Os participantes dos Concellos onde xa se celebraron estes “Talleres de Autopromoción”, como os chamaron, eloxiaron esta iniciativa, cualificándoa de “imprescindible” para o crecemento empresarial. Destacan o seu enfoque altamente práctico e relevante, así como a adaptación da formación ás necesidades concretas das pequenas e medianas empresas.
Máis información sobre os cursos e realizar a inscrición, os interesados poden visitar a páxina web de Trasgos de Caldelas en https://trasgosdecaldelas.com/talleres