EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras lanza a súa nova imaxe cunha campaña en Galicia

Esta acción promocional durará un mes e incluirá a presenza deste selo vitivinícola en autobuses urbanos das sete grandes cidades galegas

O viño valdeorrés estrea imaxe. E faino ademais lanzando unha nova campaña promocional que se desenvolverá ao longo dun mes nas sete principais cidades galegas: A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol. “Facemos fincapé no saber facer dos profesionais do viño de Valdeorras. Unha forma de elaborar que se traduce no excelente produto que supoñen os nosos brancos e tintos”, aseguraba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Francisco García, durante a presentación da campaña.

O lema desta acción promocional será “Un saber facer único” e busca pór en valor un modo de elaborar que ten permitido que “os viños da nosa denominación se sitúen como os terceiros mellor valorados de España, detrás dos de Priorat e Jerez na Guía Peñín. E tamén que os viños xoves de Valdeorras encabecen o ranking dos mellores de España para os expertos desta mesma publicación especializada”, engadía Francisco García.

Nas características do novo deseño afondaba Jorge Isla, representante de Atelier Gráfica Visual, empresa encargada do deseño desta acción. Definía a imaxe como “unha greguería gráfica”, unha “ilustración a partir de elementos ligados ao viño (un abridor que na súa parte inferior ten follas de vide), pero cun tinte fantástico e que dá lugar a un obxecto único, como único é o noso saber facer”.

Isla adiantaba tamén que esta nova imaxe situarase durante un mes (ata o vindeiro 21 de decembro), nas traseiras dos autobuses urbanos das grandes cidades galegas e, no caso de tres delas, tamén nos laterais deses vehículos. E ademais será a protagonista do valado publicitario exterior, situado ao pé da sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín. “E, en paralelo, acompañarase coa retransmisión dun pequeno video promocional dos nosos viños que poderá visionarse en pantallas emprazadas no centro de Santiago durante dous meses”.

Fotos: Carlos G. Hervella (agás a última imaxe que é cedida).
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Nova imaxe do CRDO Valdeorras.
Nova imaxe do CRDO Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button