Diante da igrexa parroquial de Vilamartín de Valdeorras, coñecendo retazos da historia de Antonio José Ruiz de Padrón (crego canario e abade de Vilamartín cuxa intervención nas Cortes de Cádiz foi clave para a abolición da Santa Inquisición), arrancaba na mañá deste domingo 26 de xuño un novo ‘Paseo con Historia’ organizado pola Oficina de Turismo Valdeorras-A Rúa.
Guiados coma sempre por Luis Carrón (que se encarga da parte histórica da ruta) e Soledad Figueroa (respondable da parte vitivinícola), pasadas as 10 da mañá os trinta camiñantes inscritos comezaban a andaina duns 8 quilómetros, rumbo ao Bañadoiro. De aí seguirían o camiño de ascenso ata o Castro de Valencia do Sil coa colaboración do arqueólogo Santiago Ferrer para explicar aos asistentes como era a vida neste espazo.
Esta actividade contou tamén coa colaboración da Asociación de Veciños O Castro de Valencia do Sil, que abría unha cova tradicional aos camiñantes para poñer fin á andaina coa degustación dun viño da Adega D’Berna e empanada dunha das panaderías de Vilamartín.

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as catro últimas da galería que son cedidas.