SanidadeÚltima hora

Daniel Apolinar García asume a xefatura de Neuroloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

 

Daniel Apolinar García Estévez asume desde hoxe a xefatura de Neuroloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, á que estaba vencellado como especialista desde o ano 2015 en funcións de coordinador do servizo.

Nado en Tui, é Licenciado en Medicina e Cirurxía Xeral pola Universidade de Santiago de Compostela (1990), doutor en Medicina pola mesma Universidade (1996) e Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria pola Unidade Docente de Pontevedra no ano 1997. Acadou a súa especialidade en Neuroloxía no CHUAC de A Coruña entre os anos 2001-2005. Tamén é Máster en Saúde Pública pola Universidade de Santiago de Compostela no 2004.

O doutor Daniel Apolinar foi coordinador da unidade de Neuroloxía do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, desde xullo 2005 ata setembro 2015, e pasou a exercer tamén as funcións de coordinador do servizo de Neuroloxía de Ourense desde outubro 2015 ata a actualidade.

O servizo de Neuroloxía da Área Sanitaria de Ourense está constituído actualmente por doce facultativos que dan cobertura de asistencia especializada á poboación no Hospital Universitario de Ourense e nos hospitais públicos de Valdeorras e de Verín. Durante os últimos anos o servizo mantén a súa actividade asistencial nas unidades de hospitalización, nas consultas externas dos tres hospitais da Área, á vez que desenvolve novas consultas monográficas e potencia as xa existentes.

Ademais da súa función asistencial, o servizo desenvolve constantes actividades formativas, docentes e de investigación e innovación. Neste sentido o servizo recuperará proximamente o seu labor de formación continuada coa organización de novas edicións dos “Seminarios de Neuroloxía”, tras ser aprazados nos dous últimos anos a consecuencia da pandemia COVID. Asemade o Servizo de Neuroloxía afronta o reto de conseguir proximamente a acreditación como Unidade Docente para a formación MIR de residentes que comezan a súa formación postgraduada.

Artigos relacionados

Back to top button