SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai aposta pola formación en lactación materna dos profesionais sanitarios

Esta asociación barquense organizará por vez primeira un curso sobre "Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico-práctico, nivel I", que se celebrará en outubro e será gratuíto

 

A Asociación De Nai a Nai organizará en colaboración co Concello do Barco de Valdeorras, o curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico-práctico, nivel I”, que se celebrará do 14 ao 16 de outubro no Edificio Multiusos do Concello do Barco.

Este ambicioso proxecto, no que leva moito tempo traballando esta asociación e que se foi atrasando pola pandemia, ten un programa deseñado pola matrona do hospital barquense María Elisa Lamelas González, Peggy. Ela é a “directora de contidos do curso, a cal, ademais de achegar os seus coñecementos, logrou que formador@ s en lactación da IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación) participen como docentes”, adiantan dende De Nai a Nai. Participará tamén como docente a asesora e IBCLC, Lorena Prada Fernández, tamén directora do curso e presidenta da asociación barquense.

Este curso foi acreditado pola Comisión de Formación Continuada para as Profesións Sanitarias de Galicia, con 3,5 créditos, e ten unha duración de 20 horas.

Cada vez recoñécese máis o importante labor dos grupos de apoio á lactación materna e das súas asesoras de lactación, que ademais de acompañar lactacións, proporcionan información actualizada baseada na evidencia científica. Por iso, queremos que cada vez máis profesionais sanitarios actualicen e amplíen os seus coñecementos en lactación materna, podendo asesorar de maneira eficaz as lactacións que presentan dificultades, así como identificar correctamente os aspectos normais das mesmas”, sinala Lorena Prada.

Dende De Nai a Nai tamén se destaca que “grazas ao apoio e a colaboración da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, do Barco, esta asociación pode levar a cabo uno dos seus obxectivos: colaborar con entidades locais na promoción e protección da lactación, neste caso organizando un curso dirixido a profesionais sanitarios, un piar fundamental no apoio da mesma”.

O prazo de inscrición abrirase o día 8 de setembro, e cubriranse as 21 prazas dispoñibles por rigorosa orde de inscrición. Para anotarse é necesario enviar ao noso correo: denaianai@gmail.com: nome, DNI e teléfono.

Artigos relacionados

Back to top button