Sen ser a edición máis multitudinaria, os devotos de San Francisco Blanco, mártir do Tameiron (A Gudiña) e avogado da dor de cabeza, mantiñan un ano máis a tradición asistían á romaría celebrada na localidade barquense de Outarelo, chegados dende diferentes puntos da comarca.
O programa comezaba días antes co triduo, e xa na mañá deste sábado 1 de febreiro, despois das dúas misas anteriores (ás 10:30 e ás 11:30), ás 12:30 horas comezaba á procesión presidida polo párroco do Barco, Jesús Álvarez, coa imaxe e a reliquia do santo, co acompañamento musical do grupo de gaitas Celtas Largos. Nesta ocasión tamén saía en procesión a imaxe de San Andrés, recentemente restaurada, e o estandarte, rematando a comitiva coa eucaristía no interior da capela onde os fieis bicaban ao santo, pasando tamén pola imaxe as tradicionais rosca, á venda no posto que cada ano se pon no exterior.
Entre os asistentes, non faltaron os incondicionais grupos de amigos, como os membros da Confraría de San Francisco, nin xente que segue indo a pé, como Enrique Rodríguez “Fiscol”, veciño de Fontei (A Rúa). Tamén houbo que foi en familia e moitos deles aproveitan o día para compartir unha tapiña de polbo á feira ou churrasco na praza do pobo. Outros decidían facelo nos locais de hostalaría do Castro. Hoxe tamén abría a Adega do Herminio convidando a un viño e un petisco aos amigos.
Coma sempre o programa pecharase o domingo, 2 de febreiro, coa misa na honra a San Antón ás 13:15 horas.
Fotos e vídeo: O SIL.