ConcellosÚltima hora

Declaración de impacto ambiental desfavorable para o Parque eólico de Prada, que afectaba a Trevinca

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana celebra a decisión e destaca o valor desta zona "única en Galicia"

O macizo de Pena Trevinca é un dos grandes paraísos naturais de Galicia (Foto: Asociación Salvemos Cabana).

 

Outro proxecto eólico con declaración de impacto ambiental negativa é o de Prada. Así se publicaba o Boletín Oficial do Estado (BOE) do pasado sábado 15 de abril na “Resolución do 30 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do proxecto «Parque eólico Prada de 168 MW, e a súa infraestrutura de evacuación, situado nos TT. MM. do Barco de Valdeorras, a Veiga, Carballeda de Valdeorras, Petín, Larouco, A Pobra de Trives e San Xoán de Río (provincia de Ourense) e Quiroga (provincia de Lugo)»”.

Así, a Dirección Xeral, “á vista de a proposta da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, formula declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto “Parque Eólico Prada” ao identificarse a posibilidade de impactos negativos significativos sobre o medio ambiente para os que as medidas propostas non presentan garantía suficiente de a súa adecuada prevención, corrección ou compensación”. Esta declaración desfavorable súmase a tamén emitida por este organismo sobre o Parque Eólico de Barjas, que tamén afectaba ao oriente ourensán.

A decisión do organismo “coincide con moitas das reclamacións públicas efectuadas ao proxecto por entidades e particulares, e fai referencia ao apartado 4 do artigo 46 da Ley 42/2007, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, que explicita que as autoridades só poderán manifestar a súa conformidade con este tipo de plans industriais tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade dos espazos da Rede Natura afectados. Neste sentido o Ministerio apunta a que a proximidade a espazos protexidos por Europa e a presenza de especies tan significativas como o aguia real (Aquila chrysaetos), o voitre branco (Neophron percnopterus), o miñato real (Milvus milvus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), a tartaraña gatafornela (Circus cyaneus), o miñato común (Buteo buteo), o lagarteiro común (Falco tinnunculus) ou a perdiz charrela (Perdix perdix), con radios de campeo moi superiores ao ámbito do proxecto “non permite descartar que se vaia a producir afección indirecta ás especies prioritarias de conservación deste e o resto de espazos protexidos presentes na zona” “, tal e como sinala a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana, que xa lembrou no seu momento que “o macizo de Pena Trevinca está amparado pola Rede Natura e clasificado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) algo que a normativa de avaliación ambiental a nivel autonómico considera incompatible con iniciativas industriais que produzan unha alteración física ou unha perda de valores naturais, culturais, científicos ou educativos nos espazos naturais en réxime de protección xeral incluídos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia“.

Esta entidade resalta que a “sociedade civil gana esta batalla contra o parque eólico en Trevinca” e recorda que o ” macizo de Pena Trevinca é un espazo natural único na xeografía autonómica que abarca 25.000 hectáreas e os cumes máis altos de Galicia como Pena Trevinca, de 2.127 metros, Pena Negra (2.123) e Pena Surbía (2.122) na confluencia da Serra do Eixe, a Serra Calva e a Serra Segundeira”.

Así mesmo, “unha vez superada a ameaza eólica, é o momento de celebrar a decisión tomada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio e reclamar unha vez máis á Xunta de Galicia que inicie os trámites para proceder á declaración do macizo como parque natural”.

Artigos relacionados

Back to top button