DeportesÚltima hora

Deporte e multiaventura no II campus feminino que se celebrará en xullo en Vilamartín de Valdeorras

Xa están abertas as inscricións para o campamento que se celebrará en dúas quendas: do 18 ao 23 e do 23 ao 29, mantendo o aloxamento no Albergue Municipal

Presentación da I edición do campus, o ano pasado./ Foto cedida.

 

Da necesidade de crear un espazo multideportivo en Valdeorras, combinado con actividades de tempo libre e pernoita para que “nenas de todo Galicia e mesmo de fóra (entre os 6 e os 20 anos) vivencien experiencias que as marquen o resto das súas vidas”, nace o Campus Multideportivo Feminino que no ms de xullo celebrará a II edición, de novo no concello de Vilamartín de Valdeorras.

Promovido e coordinado por Isabel Vázquez, (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I, II e III de adestradora) e cun equipo de adestradoras tituladas e monitores de ocio e tempo libre, o campus mantén o esquema da primeria edición aumentando o programa a dúas quendas “para seguir crecendo aos poucos e tentar que Valdeorras atope o seu sitio no mapa do mundo do tempo libre en Galicia”, explica Isabel. A primeira quenda será do 18 ao 23 de xullo e a segunda do 23 ao 29, mantendo o aloxamento no Albergue Municipal.

 

Asistentes á I edición do campus, no Bañadoiro (Vilamartín)./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Con todo, a diferenza da primeira edición este ano unha das excursións máis chamativas será a de Madrid (Warner e un estadio de fútbol). “Outra das diferenzas máis relevantes é que este ano lanzamos un enfoque máis multidisciplinario, incluíndo no programa diferentes modalidades deportivas para tentar que participe xente de diferentes deportes, mesmo xente que non fai ningún deporte, e poida gustarlle algún ao terminar o campamento”, di Isabel, asegurando que o seu obxectivo como profesionais do ámbito deportivo é “conseguir que as participantes adquiran hábitos de vida saudables, e sintan a adherencia cara a algún dos deportes”.

As modalidades deportivas que se plantexan son vóley, beisbol, pádel, tenis, fútbol, baloncesto, tenis de mesa, bádminton, zumba, tiro con arco e floorball; pero o campus vai moito máis aló cun sinfín de actividades: carreira de obstáculos; kaiak; piscina e actividades acuáticas como acuagym, watervoley ou xincanas; xogos de mesa e torneos deportivos; Túnel do Terror, Escape Room e Paintball; talleres de traballo, nutrición e psicoloxía deportiva; xogos e actividades de ocio e tempo libre; excursións; sendeirismo e carreiras de orientación; veladas nocturnas; Masterchef,…

 

Isabel Vázquez, coordinadora do campus./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Malia a extensa traxectoria da coordinadora do campus, chegar ata aquí non foi doado. Empezou a facer campamentos de pernoita en 2017 nun dos seus lugares favoritos, A Lanzada, “da man do mellor director de tempo libre que coñezo, Conde, ao que lle agradezo enormemente a confianza que depositou en min e todo o que me ensinou durante estes veráns”, conta Isabel, recoñecendo que tivo a sorte de traballar con el moitas campañas en diferentes instalacións (Cíes, Porto do Son, Mariña Española,…). A nivel persoal, estou enormemente agradecida, sen dúbida, o motor do tempo libre son as persoas, xa que son as encargadas de crear espazos máxicos e inesquecible e eu non puiden ter máis sorte”, di.  Agora, que despois de moito tempo tivo por fin a oportunidade de crear algo propio, Isabel lémbrase del dándolle as “grazas por todo o vivido e sobre todo polo que nos queda por vivir, amigo”.

 

Un adestramento no campo de fútbol d Vilamartín./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Sobre o proxecto posto en marcha en Vilamartín de Valdeorras, Isabel asegura estar “moi orgullosa de lanzalo da man de Iván Guntiñas (e o resto da empresa Lecer e Deporte Valdeorras), unha persoa incrible que sempre fai todo o posible para que as cousas saian ben, grazas, de corazón, por permitirme vivir un soño xa que un dos motivos que me levou a crear este proxecto foi botar a mirada atrás e acordarme de cando era pequena e vivía no Barco, acordarme de que cando tiña 14 anos, non tivemos a sorte de poder participar en proxectos como este, polo que, quero que todas as nenas da zona (sen esquecerme das de fóra de Valdeorras), teñan a posibilidade de participar en algo así e que, o tempo libre as marque, como me marcou e me marca o meu”.

 

Logo desta edición.

 

Dixo un día unha amiga de Isabel que “as ideas sen xente que as leve a cabo, non son ideas” e ela asegura ter moita sorte de estar moi ben rodeada. “Grazas por subirvos sempre no meu barco e axudarme a remar, custe o que custe, sen vós nada disto sería posible”, conclúe facendo unha mención especial aos responsables de que sexa como é, os seus pais e o seu irmán, sen os cales nada disto tería sentido. “Grazas por apoiar sempre as miñas tolemias”.

A que puxo en marcha en Valdeorras é un campus moi completo. As prazas están limitadas a 42 en cada quenda e xa teñen máis de 30 inscritas, a maioría da Coruña e Arteixo, polo que animan á xuventude da comarca a non perder esta oportunidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button