Desactivada a Situación 2 no incendio da parroquia de San Millao (Cualedro), que se decretara de xeito preventivo a pasada tarde pola proximidade do lume ao núcleo de San Cristovo, pertencente ao municipio de Monterrei.
O incendio, que se iniciou onte ás 14,15 h. “en cando menos dous puntos diferentes simultáneos, permanece activo”, segundo a Consellería do Medio Rural.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 1.000 hectáreas, nas cales hai parte agrícola e forestal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción lévanse mobilizado 1 técnico, 23 axentes, 68 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Extinguido o de Flariz (Monterrei)
Extinguido ás 17:18 h. desta tarde o lume do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que se iniciara o pasado venres. Segundo a última medición, a superficie afectada foi de 720 hectáreas.
Delas, 420 son forestais (370 rasas e 50 arboradas) e as restantes 300 ha son agrícolas. Para a extinción deste incendio mobilizáronse en total 4 técnicos, 34 axentes, 89 brigadas, 36 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).