A Consellería do Medio Rural vén de informar da desactivación da Situación 2 ás 15:12h. no incendio activo dende a tarde de onte no concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Tabazoa de Umoso. A decisión tomouse “ao non haber perigo para os núcleos de poboación da zona afectada”, segundo este departamento autonómico.
O lume permanece activo nestes momentos e, segundo novas estimacións, afecta unha superficie de máis de 100 hectáreas. No lugar levan traballado 1 técnico, 9 axentes, 38 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 11 avións e 17 helicópteros.
Por outra banda, quedou extinguido ás 18:54h. o lume da Mezquita, que estaba controlado desde as 20:37 h. de onte, 23 de setembro. Comezaba na parroquia do Pereiro ás 17:12 h. da tarde do sábado. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 31,78 hectáreas de monte raso. Alí levan participado na súa extinción 1 técnico, 5 axentes, 18 brigadas, 7 motobombas, 2 palas, 9 helicópteros e 4 avións, segundo Medio Rural.