En portadaÚltima hora

Desaparecen os niveis de restricións sanitarias por concellos en Galicia

A partir do sábado entra en vigor unha nova normativa que avanzara cara a "nova normalidade"

Reunión celebrada onte polo comité clínico.

 

Galicia avanza cara a “nova normalidade, cunha tendencia en descenso continuo da incidencia acumulada de casos de Covid e cunha vacinación moi avanzada”. Así o sinalaba o concelleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa na que daba conta dos acordos tomados na reunión que onte celebraba o Comité Clínico que fai seguemento da pandemia do coronavirus en Galicia.

Ademais o conselleiro anunciaba que se vai avanzar en dúas frontes principais, dentro do que son as normas xerais, é dicir, mantendo a distancia de seguridade, uso da mascarilla en interior, hixiene e ventilación. A primeira das frontes será a do control. “O virus segue existindo e imos implantar un novo sistema de vixilancia: retomaremos o retrorrastrexo, estudo pormenorizado de todos os gromos, especialmente os de centros educativos e de residencias de sociosanitarios, secuenciación das variantes do virus e seguimento da efectividade da vacina”, sinala García Comesaña.

A segunda das frontes nas que se progresará será a dunha maior apertura e dunha maior desescalada, “con cautela e de forma progresiva”. Así, o conselleiro indicaba que se pasará, de forma xeral (aínda que con algunhas expecións, por exemplo nos albergues o aforo pasa do 50 ao 75%) do aforo do 75% ao do 90%, mentres que no ocio nocturno non se acometerá ningun cambio polo de agora.

Esta nova normativa, que implicará a desaparición dos niveis de restricións por concellos que se mantiñan vixentes ata agora, confirmaba García Comesaña, que tamén adiantaba que dentro de 15 días, se se mantén a evolución actual da pandemia, continuarase con esta liña de apertura e “daríamos un paso máis, probablemente en moitos ámbitos, do 100%”.

Nos espectáculos musicais e artísticos con público sentado -tanto en recintos interiores como ao aire libre- poderán ampliar a capacidade de público do 75 ao 90% de aforo. No caso de desenvolverse estas actividades con público de pé, establécese un máximo do 50% para o interior, e amplíase do 33 ao 66% se teñen lugar ao aire libre . Neste último caso, e sempre e cando se cumpran os aforos, suprímese a limitación máxima de 5.000 persoas que estaba establecida até o de agora.

Na hostalería, amplíase o número máximo do grupo de persoas en interior que pasa de 8 a 10 persoas, e de 15 a 20 nas terrazas. Os aforos dos locais de hostalería, en nivel dunha cunchiña, quedan fixados no 75% interior e increméntase ao 90% no exterior. No caso dos locais encadrados no nivel de dúas cunchiñas amplíase ao 90% no interior e permanece o 100% nas terrazas.

No que atinxe ao transporte público, do 100% de usuarios sentados que xa estaba implantado, increméntase agora o aforo de persoas de pé até o 75%. Nos caso dos albergues e hoteis a súa capacidade aumenta até o 75%; e no que atinxe aos velorios tamén se verá ampliada a súa capacidade máxima actual, ao pasar dun máximo de 10 persoas a 20.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado 9 de outubro.

Os horarios de peche dos locais mantéñense polo de agora.

Artigos relacionados

Back to top button