En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Descende a sinistralidade vial na provincia de Ourense

No pasado ano rexistrábanse 9 falecidos, seis menos que no 2016, dos que sete foron en estrada e dous en atropelos na cidade de Ourense

No decurso da Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Vial, que tiña lugar na Subdelegación do Goberno na mañá do 17 de abril, presentábase o balance de sinistralidade viaria correspondente ao ano 2017. Estaba presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e nos datos que se analizaban reflexábase un descenso tanto en accidentes como en vítimas mortais con respecto ao 2016.

A estatística recolle 9 falecidos, 6 menos que no 2016, dos que 7 foron en estrada e 2 en atropelos en Ourense cidade. Distribuído por áreas, en zona urbana rexistrábanse 2 falecidos (igual número que en 2016). Na estrada as cifras ascenderon a 7 falecidos e o número de feridos graves foi de 48, segundo os datos feitos públicos dende a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Durante os últimos tres años só se detectou a existencia dun punto negro nos viais da provincia, en decembro de 2017 (Pk 2.6-2.7 OU-801, Ribadavia – Cortegada, curva entre Francelos e Prexigueiro), e xa foi corrixida a súa sinalización. Un punto negro é aquel tramo de non máis de 100 metros de lonxitude con alomenos 3 accidentes diferentes con feridos ou mortos nun ano.

Ademais durante o ano 2017 foron retirados máis de 30.000 puntos, dos cales 10.300 corresponden a excesos de velocidade; 5.882 por condución con taxas de alcohol superiores ás regramentariamente establecidas e 5.880 por condución con presenza de drogas no organismo, entre outras causas.

“Do ano 2017 destacamos un total de 1.081 colisións rexistradas con animais, das cales 597 foron con xabaríns, 341 con corzos e 22 con raposos, ás que habería que engadir 121 colisións con animais domésticos (83 con cans)”, indican dende a Subdelegación do Goberno en Ourense.

O balance tamén recolle que a Garda Civil de Tráfico de Ourense auxiliou a 1.465 automobilistas, destacando o seu papel na onda de incendios que asolou a provincia en 2017 e que provocou multitude de incidencias viarias.

Con respecto ás previsións para este ano 2018, está prevista a posta en funcionamento das catro cámaras de control do uso do cinto de seguridade ubicadas nos accesos á capital provincial na N-120 (3) e N-525 (1), respectivamente. Tamén, a instalación dunha nova cabina de radar fixo no Pk. 550,7 sentido Logroño, da N-120 (termo municipal de Nogueira de Ramuín).

Tamén se prevé a ubicación de dúas cabinas mobibles de radar fixo, unha na N-541, Pk. 30, antes de “Godás do Río”, sentido Pontevedra, e a outra na Autovía AG-53, Pk. 71, sentido Ourense. Sinalizaranse rutas ciclistas protexidas e definición de máis rutas seguras, así como a posta en práctica dous novos equipos portátiles de vixilancia por parte do Subsector de Tráfico de la Gardia Civil.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button