
Interesantes descontos en artigos de tempada e ampliación de horarios. Diversos comercios integrados na Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e no Barco Centro Comercial Aberto celebrarán o vindeiro 23 de novembro o chamado “Black Friday” ou Venres Negro. En concreto trátase de 34 establecementos do Barco e 11 da Rúa.
“Como en anteriores edicións trátase de promocionar as vendas das mercadorías de tempada previas ao inicio da campaña de Nadal, ofrecendo descontos dun mínimo do 20%”, tal e como se adianta dende AEVA.
Así os comercios que participan nesta iniciativa, ademais de ofrecer interesantes oportunidades, estarán abertos ata as 22h. dese día. O pasado ano sumábanse a esta acción comercial un total de 26 tendas (de diversos sectores) do Barco e outras dez da Rúa, co cal desta volta se aprecia un notable incremento na participación que chega a un total de 45.

