EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeosViticultura

Descubrindo as novas anadas dunha vintena de adegas da D.O. Monterrei

Esta denominación organizaba unha xornada de promoción con túnel do viño e harmonías no Restaurante Miguel González

 

Percorrer as singularidades e matices do territorio vitivinícola da Denominación de Orixe de Monterrei a través das novas anadas dunha vintena das súas adegas. Con este fin o consello regulador desta D.O. organizaba neste luns 26 de setembro unha xornada para profesionais relacionados do sector e prensa no Restaurante Miguel González, no Pereiro de Aguiar.

O encontro comezaba cunha presentación e cun túnel do viño no que podían catarse brancos e tintos de Monterrei. Entre eles estaban os godellos Estela do Val 2021 e Abeledos 2021, os plurivarietais brancos Ladairo 2021, Castro de Lobarzán 2021, Galván 2021 e Serra de Alén 2021, así como os mencías Quinta Soutullo 2020 e Quinta do Buble 2019.

No decurso deste acto o sumiller Javier Facal explicaba as características climáticas e dos solos (graníticos e areosos, de lousa e esquisto, arxila e aluvión) de Monterrei coas consecuencias influencias que isto ten nos seus viños e no cultivo das súas variedades. Este é un territorio con diversas altitudes (entre os 700 e os 300 msnm) e surcado polo Támega e situado ao sudeste da provincia de Ourense, na fronteira con Portugal, e que inclúe aos municipios de Monterrei, Oímbra, Riós, Vilardevós, Verín e Castrelo do Val. Presenta ademais dúas subzonas claramente diferenciadas: o Val e a Ladeira de Monterrei.

 

 

Así mesmo, Facal lembraba que malia que a D.O. Monterrei é unha das máis novas de Galicia, conta cunha longa tradición vitivinícola cuxa manifestación máis evidente é a gran concetración de lagares rupestres que atesoura, datados nalgúns casoa en época romana.

 

 

Pola súa banda, a presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva, apuntaba que esta denominación atópase “nun momento de crecemento paulatino e constante. Temos un proxecto que debemos coidar, debemos seguir mimando a nosa calidade”. Tamén resaltaba que Monterrei é, porcentualmente, a D.O. galega que máis exporta, xa que aproxidamente un 10% da súa produción vai dirixida aos mercadores estranxeiros, sendo a godello a variedade máis exportada.

 

 

Pero, matizaba Lara Da Silva, a “intención non é vender variedade, porque as variedades poden pasar de moda, o importante é vender o selo de calidade e que os consumidores o recoñezan”. Neste senso, o sumiller e experto en viticultura Luis Paadín referíase á importancia de “vender territorio, unha variedade determinada pode plantarse noutro lugar, pero o territorio véndeo a denominación de orixe e isto non se pode copiar”. Ademais lembraba que Monterrei é unha das denominacións de orixe galegas que ten colleitado máis premios ao longo da súa traxectoria.

 

 

 

 

Finalmente, o encontro completábase cun xantar con harmonías entre pratos e viños da D.O. Monterrei. Así, nos entrantes ofrecíase unha visión xeral do que é esta denominación da man de brancos como o Crego e Monaguillo T&A 2020 e o Terras do Cigarrón, seguido dun ravioli de txangurro con godellos sobre lías (Gargalo 2021 e Fraga do Corvo 2021), dun pulpo de Ons cos tintos Pazo de Monterrei 2020 e Setembro 2021, dunha lubina en fondo mariño con brancos de godello e treixadura /Fanrela 2021 e Vía Arxéntea 2021), un solombo de vaca con Quérote 2018 e Quinta das Tapias 2019. Finalmente, como sobremesa, servíase torrada e vainilla, acompañada de mencía xove de altitude, un Tabú Stibadia 2921 e un Triay 2021.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button