EconomíaEconomíaÚltima hora

Desde o 29 de xuño, os operadores de telecomunicacións non poderán realizar chamadas con fins comerciais

Así o destaca a Unión de Consumidores de Galicia lembrando que a Lei 11/2022, Xeneral de Telecomunicacións, que entrou en vigor o pasado 1 de xullo de 2022, establecía un prazo dun ano desde a súa publicación para facer valer este dereito

 

É unha noticia “longamente esperada e que será unha realidade en cuestión de días, permitindo que millóns de consumidores deixen de ser vítimas das insistentes e agresivas estratexias comerciais ás que distintos operadores de telecomunicacións tíñannos afeitos”. Deste xeito valora a Unión de Consumidores de Galicia a actual Lei 11/2022, Xeneral de Telecomunicacións que entrou en vigor o pasado 1 de xullo de 2022 e que establecía “un prazo dun ano desde a súa publicación para facer valer un dereito longamente demandado polo conxunto de consumidores do noso país”.

Dende esta asociación de consumidores explican que o “aumento de queixas derivadas destas prácticas, sumado ao feito do aumento de cidadáns que xestionaran a súa inclusión en servizos de exclusión de envíos comerciais como a lista Robinson, evidenciaban a magnitude dun problema sobre o que desde o próximo mes poderán intervir as autoridades competentes en materia de telecomunicacións e especialmente a Axencia de Protección de Datos”.

A normativa, comentan dende a Unión de Consumidores de Galicia, “establece que para que un operador de telecomunicacións poida realizar chamadas con fins comerciais debe contar co consentimento previo do destinatario ou ben demostrar que posúe un interese lexítimo de conformidade coa normativa de protección de datos (por exemplo para unha proposta contractual previamente solicitada ou ben en caso de obrigacións impostas por lei, interese público ou interese vital do propio usuario)”.

A partir da entrada en vigor desta norma, engaden dende esta entidade de consumidores, “será fundamental que os usuarios extremen a súa atención á hora de solicitar información a un operador de telecomunicacións, sexa telefonicamente ou a través de canles dixitais xa que a petición de consentimento para recibir chamadas comerciais pode facerse durante a conversación ou ben incluírse na política de privacidade que teñamos que aceptar para recibir información. Se a pesar de non contar co devandito consentimento ou interese o consumidor recibe chamadas desta natureza poderá proceder á correspondente denuncia”. Para iso Unión de Consumidores de Galicia recomenda tomar debida nota do día e hora da chamada así como calquera outra información que poida facilitar a instrución da posterior denuncia.

Back to top button