En portadaÚltima horaVídeos

“Desta etapa con meta na Estación de Montaña Manzaneda quédome coa vitoria dun corredor español e o apoio do público”

O director da Volta a España, Javier Guillén, destaca un "desenvolvemento precioso, esteticamente foi incrible"

 

Pablo Castrillo (Equipo Kern Pharma) era o protagonista dunha historia de soño coa súa vitoria na 12ª etapa de La Vuelta 24, no día en que falecía o manager do seu equipo. O mozo aragonés, de 23 anos, estreaba o seu palmarés profesional ao grande na Estación de Montaña Manzaneda, rematando unha potente fuga cun ataque a 10 quilómetros da cima da estación galega nun día especial para o seu equipo, que consegue tamén a vitoria máis importante da súa traxectoria xustamente o día no que se despedían do seu fundador Manolo Azcona.

Entre os favoritos, non houbo cambios, e Ben Ou’Connor (Decathlon-Ag2r A Mondiale) defenderá A Vermella por sétimo día consecutivo nunha nova chegada no alto no Porto de Ancares.

E na meta, entregando as camisolas e agasallos as autoridades que destacan a calidade e beleza da etapa pero sobre todo o apoio da afección a pé de rúa en practicamente todo o percorrido, desta etapa entre Ourense Termal e a Estación de Montaña Manzaneda na que participaban 154 corredores.

 

 

Javier Guillén, director de La Vuelta

Levamos 12 etapas incribles coa clasificación moi aberta. Todos os días tivemos algo que contar e hoxe por fin tivemos unha vitoria española nunha xornada emotiva para o equipo Ken Farma xa que esta mañá gardabamos un minuto de silencio polo falecemento do manager do equipo. A etapa tivo un desenvolvemento precioso, esteticamente foi incrible. Dende logo unha etapa dura pero dende logo quédome coa vitoria dun corredor español e o apoio do público estaban todos os pobos cheos de xente e especialmente no final dende Trives ata a meta había moitísima xente.

Patricia Domínguez, alcaldesa da Pobra de Trives

Estou agradecidísima a Javier Guillén e á Volta a España, á Xunta, á Deputación por toda a colaboración para o noso concello xa que supón un retorno económico importantísimo e tamén a todoso os veciños de Trives que se envorcaron coa Volta. A organización foi impecable, sobre a paisaxe pouco que dicir. Moi contenta e desexando repetir canto antes.

Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense

A Volta é un evento absolutamente relevante. Dende o punto de vista deportiva todo o mundo coñece o nivel desta proba, pero neste caso ademais importános o aspecto promocional e de visibilización e o resultado foi inmenso. Levamos varios días non só nesta etapa na que Ourense foi punto de estacionamento e partida para moitos equipos que participaron onte na etapa de Pontevedra e mañá na de Lugo se aloxaran, dando unha visión tan importante da provincia dende a propia capital onde acudiu moita xente e tamén ao longo de todo o percorrido sorprendeu a cantidade de xente, cruzar a Ribeira Sacra e chegar á meta na Estación de Manzaneda unha instalación que está mellorando resultados pero ten que ter un futuro mellor, no que estamos traballando. Un escaparate espectacular e polo tanto un evento absolutamente útil para a toda a provincia.

 

 

 

Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense

A Volta ten un retorno mediático importantísimo. É un evento deportivo que move moitísima xente, un percorrido de cor por todos os pobos polos que pasamos estaba a xente esperando e as imaxes que se transmitiron poñen en valor a riqueza de Ourense co cal é unha honra e un orgullo que esta proba comece en Ourense e remate en Manzaneda, outro lugar maravilloso, despois de percorrer a provincia.

Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia

Tivemos a satisfacción de poder seguila no coche de dirección e supón un orgullo e unha satisfacción ver a boa disposición da xente da provincia de Ourense por animar e sobre todo ese espectáculo de etapa dende Ourense Termal pasando pola Ribeira Sacra, Castro Caldelas e Cabeza de Manzaneda, todo un luxo para a Volta e para Galicia. Desde Turismo de Galicia apoiamos as catro etapas galegas unha por provincia que supón unha proxección turísticas excepcional porque hai 1.300.000 perosas diarias vendo a Volta a través dos medios convencionais e 1.800.000 a través dos dixitais. Esta etapa foi especialmente bonita e moi disputada con escapados dos que saíu a vitoria.

Foi un día emocionante para Castrillo, Equipo Kern Pharma e o ciclismo español, no que entre os favoritos da xeral non causou cambios importantes, con Ben Ou’Connor (Decathlon-Ag2r A Mondiale) mantendo A Vermella con 3’16” sobre Primoz Roglic (Red Bull-Bora-Hansgrohe) e 3’58” sobre Enric Mais (Movistar Team).

 

Pablo Castrillo entrando en meta./ Foto cedida.

 

A Volta seguirá coas súas chegadas no alto este venres na súa 13ª etapa, que acabará no Porto de Ancares despois de 175,6 quilómetros de percorrido desde Lugo, con outros tres portos de montaña no percorrido.

Fotos: O SIL e cedidas.
Vídeo cedido.

Artigos relacionados

Back to top button