CulturaCulturaÚltima hora

“Destino”, a primeira novela de Puri Escuredo, veciña de Vilariño de Conso, a piques de ver a luz

O libro nace dunha historia real que lle contaban tempo atrás e que agora se converterá en libro a través de Libros.com

Puri Escuredo, autora de “Destino”./ Foto: Estela Barone.

 

A primeira vez que Puri Escuredo Pérez escribía esta historia, que levaba moito tempo tempo dando voltas na súa cabeza, era en forma de conto coa idea de enviar o texto a un concurso, pero nunca chegou a facelo. “Despois volvín crear dous contos máis pequenos e, ao final, pregunteime por que non unha novela. Retomeino, deille voltas e foi un camiño apaixonante desde o 2014 ata hoxe”, conta. Esa novela, titulada “Destino”, está a piques de saír á luz grazas a un proxecto de micromecenado que a súa autora, veciña do municipio de Vilariño de Conso, iniciaba coa editorial Libros.com.

Esta novela nace dunha historia que lle contaba, tempo atrás a Puri Escuredo, unha “muller máxica e entusiasta, que volveu, de alén dos mares a ver onde naceran os seus pais hai cen anos. Esa historia meteuse dentro de min como un pequeno trasno que, de vez en cando, me murmuraba: escríbea xa“, lembra a escritora. E así foi. E nese proceso o relato orixinal mesturábase con outras anécdotas que Puri Escuredo tiña escoitado na súa casa. “A miña afección á lectura e a miña mente creativa reconstruíu aquela pequena historia convertíndoa neste libro, que está cargado de amor e esperanza e que fun moi feliz escribindo”, comenta.

A novela

“Destino” é unha novale de amor, drama a misterio. Narra a historia de dous mozos, Eloy e Aurora, nos anos 30 do século pasado. Dúas persoas destinadas a atoparse, unidas por ese fío vermello que conecta ás almas xemelgas. Conta como os protagonistas viaxan desde unha aldea galega ata o outro lado do charco atópanse a miles de quilómetros.

A obra ten un marcado compoñente social. A autora quixo reivindicar e homenaxear aos seus antepasados. A esas persoas que, grazas aos seus actos no pasado, fixeron do presente un lugar mellor. “Na novela quixen reflectir o férreo sistema de clases que existía, aproximar ao lector a como se vivía na contorna rural e facer un pouco de xustiza poética. Deille plena liberdade a Aurora para que transgreda todas as normas sociais da época. E, sobre todo, é unha sentida homenaxe aos meus”, asegura Puri Escuredo.

 

 

A autora

Puri Escuredo (Bilbao, 1970) é filla dunha familia de galegos que emigrou a País Vasco. Alí criouse e viviu ata que se mudou a Londres para máis tarde instalarse nunha aldea do municipio ourensán de Vilariño de Conso, en cuxo Concello traballa. Un lugar que agora é o seu fogar pero onde xa tiña raíces. Ese pasado fusiónase coa historia principal da súa novelaa para darlle un toque persoal e orixinal. Réndelle ademais unha homenaxe á súa avoa e a todas esas persoas que xunto a ela crearon unha identidade e unha vinculación coa súa aldea.

A campaña de micromecenado

A campaña de crowdfunding iniciada a través de Libros.com para poder financiar a edición da novela. Está practicamente conseguida. “En tan só 15 días desde o lanzamento, xa se sumaban e formaban parte do proxecto máis de 100 persoas e patrocinadores como o Concello de Vilariño de Conso e a Asociación Vive Vilariño”, comentan dende Libros.com.

Páxina do crowfounding

Artigos relacionados

Back to top button