PolíticaÚltima hora

Diego Lourenzo: “Esta candidatura está aquí para loitar por un proxecto colectivo”

O BNG vén de presentar a súa lista ás eleccións municipais en Verín nun acto que contaba coa presenza de Ana Pontón e Iago Tabarés

“Grazas polo voso apoio, ilusión e ánimos, por pelexar por Verín colectivamente”. Con estas palabras comezaba Diego Lourenzo, cabeza de lista do BNG por Verín nas vindeiras eleccións municipais, o acto de presentación desta candidatura na tarde do 4 de abril na Casa da Cultura desta vila. “Chegamos aquí cos deberes feitos”, proseguía o candidato e actual tenente de alcalde verinés, enumerando seguidamente as accións realizadas para poñer en valor os recursos da zona (como as augas termais) e o seu patrimonio, ou para humanizar a vila.

Referíase tamén á importancia de continuar por “este camiño comezado” co equipo de persoas coas que o BNG se presenta ás eleccións municipais. Un a un, ía lendo entre aplausos os nomes de cada unha das persoas da lista, comezando polos suplentes e continuando ata chegar ao seu propio nome.

 

O cabeza de lista, Diego Lourenzo, durante a súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

Así, tras Lourenzo nesta candidatura figuran Emilia Somoza, Eugenio Quintas, Purificación Caldelas, Abelardo Meiriño, Samanta Barreira, Carlos Crespo, Rosa Ana Méndez, Daniel Veiga, Lola Pérez, Aarón Dacosta, Vanesa Fernández, Francisco Pérez, Adela Gallego, José Alberto Vaz, Pepa González e Alberte Blanco. “Esta candidatura está aquí para loitar por un proxecto colectivo vendo o presente e cos ollos postos no futuro. Aquí tedes a forza que fai a diferenza”, destacaba Lourenzo.

Tamén destacaba que se trata dun “equipo xa consolidado e cunha renovación importante, unha listra cremalleira cun 50% de mulleres e un 50% de homes. Unha candidatura plural con persoas independentes de diferentes sectores e profesións. Un equipo honesto e transparente, grazas aos que decidístedes dar un paso ao frente”.

 

Lourenzo, noutro dos momentos do acto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A continuación tomaba a palabra o candidato nacionalista ao Congreso por Ourense, Iago Tabarés, quen se refería ás próximas xerais, “un proceso electoral onde decidiremos se queremos ou non que Galiza teña voz propia en Madrid. Se o BNG está, Galiza estará, a experiencia así nolo ten demostrado”. Aportaba ademais unha serie de datos sobre a realidade da provincia de Ourense: “cada día perde catro habitantes, somos a terceira provincia máis envellecida de Europa, temos máis pensionistas que persoas traballadoras, as pensións son as máis baixas de todo o Estado. Cada ano orzamentan menos para Ourense e o pouco que orzamentan non o cumpren. Se queremos que Galiza teña voz propia e que Ourense sexa tido en conta, non hai outra solución: o BNG”.

O acto clausurábase coa intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que destacaba que na candidatura nacionalista de Verín “hai equipo, traballo e proxecto, enerxía e entusiasmo”. E engadía que “en Verín demostramos que é posible o cambio e ese cambio tamén é posible para Galiza”. E plantexaba a importancia de “exercer como galegos nas vindeiras eleccións xerais, defender os nosos intereses ten consecuencias. Precisamos xente en Madrid que dea a cara polos galegos e o futuro para empezar a cambiar as cousas”. Para Pontón ese cambio debe comezar “por ter esperanza, autoestima, por confiar nas nosas forzas”. E tamén “pasa por cambiar o guión que outros están escribindo por nós”.

Nesta presentación contábase coa asistencia doutros representantes do BNG, como a deputada no Parlamento galego Noa Presas, así como dos candidatos nacionalistas noutros concellos próximos: Secundino Fernández en Viana, Rafael Pérez na Mezquita, Xosé Barxa en Castrelo, Alberto Rodríguez en Monterrei e Perfecta Losada en Oímbra.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button