EntrevistasÚltima horaVídeos

Diego Nóvoa: “Cada canción é como unha cocteleira na que vas introducindo os diferentes ingredientes”

Este músico ourensán vén de publicar o seu single "Idiota" que xa superou as 210.000 visualizacións en YouTube

Imaxe promocional do cantante ourensán Diego Nóvoa.

 

Fillo e irmán de artistas o cantante Diego Nóvoa (Ourense, 1989) segue expresando as súas emocións a través da música. Comezou a cantar sendo un neno, formando parte do grupo MD4 con apenas sete aniños. Con dezaoito gravou o seu primeiro álbume Nueve, e agora xunto a M2 Music Group publica o seu novo single Idiota. Una canción para reflexionar que xa superou a barreira das 210.000 reproduccioóns en YouTube en apenas dous meses, o que confirma a boa acollida dun tema pop, cunha letra íntima e natural.

O videoclip producido por Yei Philip e grabado en Sanxenxo, traslada ao espectador directamente á historia contada, o medo a fallar, a que algo saia mal. Está producido e masterizado por Íker Arranz, que acompaña á composición de Diego e o seu guitarrista Borja, creando un concepto único.Coa súa carismática voz, Diego envólvenos en sons que chegan a todos e sen dúbida faranos vibrar. Descubrimos así o lado máis reflexivo e romántico do artista co toque actual que o caracteriza”, aseguran dende a produtora.

Vindo dunha familia de músicos, en que momento decides adicarte ti tamén á música?

Pois xa de neno porque crecín rodeado de vinilos e cun piano en casa, polo que sempre tiven á música coma se fose unha irmá pequena. Un dos momentos que me marcou foi en 2º de Primaria. Fixeron no colexio o musical de Pocahontas e bromeando sobre a rapaza que ía cantar de que non tiña ritmo a profesora díxome que o fixera eu sen imaxinar que eu realmente cantaba así, con ritmo e afinando, así que disfrazáronme de pai indio e ía ao lado de Pocahontas cantando. Isto foi nun colexio de monxas e a raíz de aí xa me meteron como solista no coro. Despois xunteime cun amigo que se chama David (eramos veciños de toda a vida no barrio do Couto) que tocaba a batería, cun compañeiro que tocaba o piano e outro a guitarra e empezamos a xuntarnos para ensaiar os sábados.

Aí naceu a banda MD4.

Efectivamente. Ao principio era un pouco por xuntarnos pero despois xa o collemos como unha rutina e de cinco a nove da tarde tocaba ensaio todos os sábados, dende os doce ata os dezaoito anos. Comezou como unha afección pero pouco a pouco íannos metendo en festas e como teloneiros de grupos como Los Suaves, Rosario Flores, Lorca,… Realmente eramos uns neniños  cantando clásicos de Queen, Rolling Stones, Maná, Pink Floyd… aínda que a xente pensaba que era playback, non cria que cantaramos nós. Funlle collendo cada vez máis cariño á música e cando aos 18 anos cada un colleu un camiño diferente eu compaxinaba os estudos  de Turismo na Universidade de Vigo coa miña afección: tocar, compoñer, cantar…

Incluso chegache a gravar un disco, Nueve.

É o LP con 9 cancións que saquei no 2014, proposto polo manager que daquela levaba as bandas, cando nos separamos. O que pasa é que entón o tema das redes sociais non estaba tan desenvolto e fíxose con moi poucos medios e non tivo moita repercusión porque tampouco lla demos nós. Despois parei uns anos, e no 2018 volvín a retomar a actividade. Empecei a ler moito e a acumular experiencias porque normalmente do que escribo son vivencias propias o de xente cercana a min. Nese tempo falei con Borja que é o guitarra que me acompaña hoxe (toca na Panorama). Empezamos a tocar xuntos e fomos a Madrid a gravar co produtor de Efecto Pasillo e Dvicio, Íker Arranz e a verdade é que quedamos moi contentos. Fixemos algúns temas e hai uns meses unha produtora de Madrid interesouse por eles e asinamos para lanzar o sinxelo Idiota que xa tiña traxectoria pois compuxéraa no 2016 e gravámola no 2018. Iámola sacar a principios deste 2020 pero co tema do Covid decidimos esperar ata que mellorou un pouco a situación, e no mes de setembro lanzámola para ver que pasaba e a repercusión foi tremenda. Fíxose bastante viral e non o esperaba, a verdade, pero estamos moi contentos polo ritmo que colleu, pola crítica e sobre todo pola acollida da xente que está sendo moi boa.

 

Fotograma do videoclip de “Idiota”.

 

De feito leva máis de 210.000 reproducións nas platatormas dixitais. Que ten de especial esta canción? De que fala?

Cando fas unha canción primeiro é para ti e despois para o público co cal o que pretendía era que todo o mundo se sentise dalgún xeito identificado coa historia que quixen contar e co título tamén. Idiota nace un poco como unha reflexión persoal sobre as veces que na vida deixamos de facer cosas por algo, por alguén ou simplemente por medo. Ao final o tempo pasa e daste conta de que o perdiches e fuches un idiota por non ter feito o que en verdade sentías e querías. Quixen reflectir o idiotas que somos ás veces cando temos oportunidades e polo medo ao que dirán, a arriscarnos, fomos e somos todos idiotas nese aspecto. Nesta caso está aplicado ao amor pero pódese aplicar a calquera aspecto da vida.

Por que decidistes gravar o videoclip en Sanxenxo?

Dende que son cativo veraneo na zona do Grove, San Vivente, praia da Lanzada,… unha zona que para min di moito e cando escribín a canción (na segunda quincena de agosto) acababa de volver de vacacións. Como no videoclip quería mostrarme realmente como son porque é un tema que di moito de min, quixen sacar esa paisaxe porque é espectacular e téñolle moito agarimo.

Comentabas que nas túas cancións falas de experiencias vividas pero en que te inspiras para compoñer?

Hai momentos. O outro día Pablo López dicía que na corentena non se inspirara nada e eu, por exemplo, en marzo estaba escribindo unha canción e veume ben para acabala e de feito en xullo xa a gravamos (será o segundo single). Depende… Cada vez que me contan unha historia ou vexo algo… Da discusión dunha parella, dunha vivencia, do día ao día,… Ao final cada canción é como unha cocteleira na que vas metendo ingredientes, sacas outros pero ao final do que se trata é de que escribas cousas reais, que che pasaron a ti e tamén á xente cercana a ti. Por exemplo outra das miñas cancións, Medo, fala do meu pai que ten principio de Alzheimer…

 

Diego Nóvoa cantando no videoclip de “Idiota”.

 

Idiota é o primeiro single dun novo disco?

Xa temos gravadas unhas doce cancións pero como agora a música consúmese por singles, a nosa idea era lanzar Idiota e ver a acollida pero foi tan boa que ou sacamos segundo single, que é o máis seguro, ou lanzamos segundo e despois álbume ou o disco directamente… Aínda non o sabemos. Traballo hai para sacar o LP mañá mesmo. De momento só o sacamos en dixital porque é o que máis vende agora mesmo sobre todo no meu caso que parto de cero, ademais cada vez consúmese máis música nas diferentes plataformas. Ademais os discos véndense nos concertos e dada a situación sanitaria, pois decidimos sacar o videoclip pero se a cousa vai ben sacarémolo tamén en físico.

Que artistas tes de referencia?

Moita xente me di que lles recordo ao Dani Martín de El Canto del Loco, ao Leiva de Pereza,… Realmente tampouco é que me fixe moito neles porque son máis de escoitar pop inglés, pero pode que sen pretendelo, a onda vaia por aí. É certo que eu non fago reguetón ou cancións urbanas (que tampouco o descarto porque respecto todos os estilos) pero o que máis me gusta, igual porque crecín entre pianos, é a música natural, de feito cando nos metemos no estudo facémolo cun pianto, unha guitarra e unha batería. Ao final penso que a música tense que tocar, ten que ser natural. O estilo que máis nos gusta é o pop-rock.

Próximos proxectos…

Tiñamos enriba da mesa algo con 40 Principais de Galicia con vistas a decembro pero como estamos así co tema do Covid pois non sei en que vai quedar. Se seguiremos adiante ou non, se o deixaremos para primavera ou o que faremos.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button