ConcellosÚltima hora

Discordia no Pleno de setembro no Concello da Rúa

Os concelleiros do PSdeG-PSOE levantábanse da sesión negándose a votar a urxencia nun punto da orde do día que non pasara por comisión

 

Con dous únicos puntos na parte sesolutiva, a sesión ordinaria do Pleno da Rúa celebrado na tarde deste luns 6 de setembro debería ter sido de puro trámite, pero pola contra convertíase en polémico ao debater un deles.

Trala aprobación da acta da sesión anterior, o equipo de Goberno levaba ao Pleno a proposta de declaración de especial interese ou utilidade municipal da rehabilitación integral do CEIP Manuel Respino e unha bonificación do 95% do imposto de construcións (ICIO). E nada máis comezar o debate, o voceiro socialista, Luis Fernández Gudiña aseguraba que ese punto non fora levado antes a comisión co cal non podía ser presentado no Pleno propoñendo “que quede sobre a mesa”. Neste punto, o secretario explicaba a posibilidade de mantelo se se levaba pola vía de urxencia (previamente aprobada) ao que Fernández Gudiña se opuxo asegurando que non poden aceptar “que se converta en costume traer ao Pleno puntos que non son tratados en comisión e, neste caso concreto a urxencia non está xustificada xa que o grupo de Goberno xa sabía que en setembro tiña que levalo a Pleno”.

 

Os concelleiros socialistas tras levantarse do Pleno.

 

Por este motivo, e aínda que o alcalde pediu disculpas polo erro de non ser tratado na comisión celebrada hai uns días, os dous concelleiros socialistas levantábanse da mesa no momento de votar a urxencia. O punto fou aprobado cos seis votos do PP e RUA (o BNG abstíñase) e tanto Luis como José Antonio volvían ocupar as súas cadeiras para o turno de rogos e preguntas.

E era neste apartado onde volvía saltar a polémica, precisamente pola hora na que foi celebrada a comisión, ás 8:30 horas. Tanto BNG como PSOE aseguraron que era unha hora pouco razoable e en medio do debate José Vicente Solarat (RUA) comentaba que moitos están xubilados e teñen substitutos para asistir ás comisións, un comentario que espertou un gran balbordo que rematou co voceiro do RUA pedindo permiso ao alcalde para abandoar o Pleno antes de rematar.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button