Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Dobre premio no OUFF para “O que arde” de Oliver Laxe, que compartía a distinción cos bombeiros forestais de Ourense

A gala de entrega de premios clausuraba a 24ª edición do festival de cine no Auditorio

 

 

Cine, audiovisual, estreas de producións, premios, obradoiros, exposicións relacionadas coa sétima arte, encontros co sector, publicacións… Un intenso e variado programa convertía ao longo de nove días a Ourense na capital do cinema da man do 24 OUFF. Un programa ao que se lle poñía o broche de xeito especial na noite do 5 de outubro cunha gala de clausura e galardóns no Auditorio da cidade, que comezaba coa entrega do Premio Ourense ao director ourensán Norberto López Amado, que dende finais deste ano dirixe a serie “3 Camiños”. “É bonito que recoñezan a túa carreira na túa cidade”, dicía agradecido ao recoller a distinción de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

A partir de aí dábase paso ao palmarés desta edición, comezando polos premios OUFF en curto, continuando, polos das Fas Muvis, e finalmente chegando aos da sección oficial. Nela “O que arde”, do galego Oliver Laxe, lograba dúas distincións: o Premio Galicia e o Premio especial do xurado. Laxe non estivo presente no acto, ao encontrarse no Festival de Cine de Nova York, pero enviaba unha mensaxe de vídeo para agradecer os galardóns  e para compartilos “cos brigadistas, cos bombeiros forestais de Ourense”, xa que unha parte deste filme foi rodada na provincia. No seu nome, recollían os premios Andrea Vázquez e Xavi Font, por unha banda, e o actor Amador Arias, no caso da segunda distinción.

A Calpurnia á mellor película quedábase en mans de “Parásitos” de Bong Joon-Ho, que tamén conseguía o premio ao mellor guión. O recoñecemento á mellor banda sonora correspondíalle a “Aute Retrato” de Gaiza Urresti, o de mellor cineasta a Marlén Viñayo por “Cachada” e o “Premio do Público” era para “La odisea de los giles” de Sebastián Borenszetein. “Monos” de Alejandro Landes facíase cos galardóns á mellor dirección e á mellor interprertación (Julianne Nicholson), mentres que “Chicuarotes” lograba unha mención especial do xurado.

Durante a gala, que foi presentada pola actriz ourensá Ledicia Sola e por Paloma Lago, o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, facía un positivo balance desta edición, destacando a gran resposta do público que formou colas diante das salas e esgotou as entradas, e adiantaba algunhas as novidades que se introducirán na vindeira edición (entre elas as proxeccións matutinas), que será xa a do 25 aniversario do certame.

Fóra de competición participaba tamén o filme “La trinchera infinita”, película coa que se clausuraba este 24 OUFF e que presentaban Jon Garaño, un dos seus directores, e o actor Vicente Vergara. Xusto antes da proxección a gala concluía co animado electrofolk portugués de Omiri que interpretaba os temas “Corridinho da Margarida” e “Fernandinho foi ao vinho”.

Tras a película, os asistentes podían desfrutar dunha degustación gastronómica como peche da gala ofrecida por Cociña Ourense e Sabores Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button