Aínda que nun formato diferente á Velada Concello do Barco que volverá xa de cara ao vindeiro ano, os combates regresaban neste outono a Valdeorras, co MFC Showdown 015. Un evento organizado polo Mamba Fitness Center do Bierzo en diferentes cidades e vilas de España, que na tarde-noite deste sábado 30 de outubro celebraba a primeira edición na comarca valdeorresa coa colaboración do Club Kickboxing Valdeorras, con pelexas de MMA por primeira vez en xaulas.
A cita tiña lugar no Paladium, en Vilamartín con dúas partes diferenciadas. As primeiras pelexas eran de Kick Boxing, K1 e Muay Thai con combates amateurs e tamén profesionais, pero o prato forte chegaba na segunda parte, de MMA, con cinco combates, dous deles protagonizados por dous membros do Graíño Team O Barco: Luís Díaz Paradelo e Andi Canosa.
Os dous boxeadores barquenses que adestran no Centro Deportivo Valsport, no Barco, baixo a dirección dos irmáns Pardo, Luis e Juan José vencían nos seus correspondentes combates, Luis por KO técnico contra Pablo Díez (León Fight Club); e Andi aos puntos contra Iulian Buricescu (Solum Burgos).
Con varias horas de duracion e combates de moito nivel, a velada resultou todo un éxito con numeroso púbblico seguindo con interese os combates que se desenvolvían sen incidencias.