CulturaCulturaÚltima hora

O documental sobre “o crime do holandés de Petín” estréase en Valdeorras

“Santoalla” proxectarase esta semana no Teatro Lauro Olmo do Barco e a seguinte no Centro Cultural Avenida da Rúa
Martín Verfondern, coñecido como o holandés de Petín. /Foto: Filme “Santoalla”.

Rodada entre os anos 2013 e 2016, “Santoalla” narra os acontecementos que rodearon a desaparición e asasinato de Martin Verfondern, coñecido como o holandés de Petín. Un ano despois da estrea internacional e da proxección en numerosos festivais, Valdeorras é o lugar escollido polos directores Andrew Becker e Daniel Merher para facer a estrea comercial en cines españois da longametraxe documental, que contou coa xornalista valdeorrsa Cristina de la Torre na produción.

O filme recolle o conflito entre as dúas únicas familias que habitan esta aldea da montaña ourensá, onde os Rodríguez levan xeracións vivindo e os holandeses Martin Verfondern e Margo Pool se instalan para cumprir o seu soño de vivir na natureza despois de viaxar durante dous anos buscando o lugar perfecto. Cun achegamento a ambas familias, o filme ten unha atmósfera envolvente que converte á propia aldea nunha protagonista silenciosa do filme.

A estrea na comarca (grazas á colaboración do Cine Club Groucho Marx e os Concellos do Barco e da Rúa), será o 7 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco cunha sesión con coloquio as 21 horas, para despois proxectarse durante toda esa fin de semana (en horario de 20:30 e 22:30h.), ata o luns 11 de setembro cun único pase ás 22:30h. O venres 15 de setembro será o turno do Centro Cultural Avenida da Rúa, onde haberá tamén unha sesión con coloquio ás 21 horas. O sábado 16 haberá dous pases (20:30 e 22:30h.) e o domingo 17, un ás 20:30h.

 

Cartel do filme documental “Santoalla”.

Artigos relacionados

Back to top button