CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Dous alumnos do IES Martaguisela do Barco competirán na Olimpíada Informática Galega

O certame autonómico celebrarse mañá de forma simultánea na Facultade de Informática da UDC, na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, de 17 a 20 horas

Cartel da Olimpíada Informática Galega.

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)- e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), organiza mañá venres, 11 de marzo, a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022).

As probas celebraranse de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Ourense e Santiago (Facultade de Informática da UDC, Escola Superior de Enxeñaría en Informática da UVigo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC) en horario de tarde, de 17 a 20 horas, aínda que os participantes deberán estar na sede escollida ás 16 horas.

No certame inscribíronse un total de 17 estudantes -13 rapaces e 4 rapazas-  da ESO, Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio de toda Galicia, entre os que están dous alumnos do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras.

 

Entrada principal do IES Martaguisela do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A olimpíada autonómica consta de seis problemas que se deberán realizar nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario no que se pretende que un programa informático axude dalgunha maneira. Os problemas da olimpíada céntranse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVI Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará os días 2 e 3 de abril en Madrid. De aí, os gañadores poderán acceder á 34ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará do 7 ao 14 de agosto de 2022 en Indonesia.

 

Artigos relacionados

Back to top button