En portadaÚltima horaVídeos

Dous escolares valdeorreses, premiados no 38º Concurso da Constitución presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense

Hugo Arias do colexio Pablo VI-Fátima da Rúa e Adrián Blanco do CPR Divina Pastora do Barco, recollían os premios no acto institucional da Subdelegación celebrado no Auditorio Municipal de Ourense

Publicidade

 

Fiel á cita do 6 de decembro, o Auditorio Municipal de Ourense acollía esta mañá o acto institucional de conmemoración da Constitución Española, organizado pola Subdelegación do Goberno, no que se entregaron os premios aos escolares de toda a provincia (entre eles un alumno do colexio Pablo VI-Fátima da Rúa e outro do CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras), gañadores da 38º edición do Concurso da Constitución, polos seus debuxos e fotografías, centrados nos artículos 44° e 46° da Carta Magna.

 

 

O acto estivo un ano máis presidido polo subdelegado do Goberno, Emilio González, quen deu as grazas a todos os colexios que participaron no concurso escolar, facendo unha mención especial ao seu creador hai 38 anos “o gobernador civil Mariano Sanz, ao que agradezo a súa presenza entre nós”, dixo lembrando o lema Tú y la Constitución, conócela y respétala sobre o que se construíu este integrador acto en torno á Carta Magna. “Grazas aos que viñeron despois, gobernadores e subdelegados que tamén nos acompañan hoxe, a Jesús de Juana, Rosendo Fernández, Camilo Ocampoe Roberto Castro, por continuar con este legado que segue hoxe con toda a vixencia en Ourense, porque a Constitución é o que nos une”.

 

 

González Afonso lembrou que actualmente e o mundo en xeral “vive momentos de tensión, conflitos e incertidumes sociais, económicas, climáticas e desgrazadamente bélicas, poñéndose a menudo en entredito os valores dos dereitos humanos”, por iso destsacou que hoxe “é un día importante para facer un exercicio de reflexión e recordar os principios reitores sociais, económicos, culturais e dos nosos desreitos e liberdades que recolle a nosa Constitución”. Tamén lembrou que “a Constitución non é de ninguén se non que nos pertence a todos, por iso celebramos hoxe todo aquilo que nos deu en todos este anos nos que convivimos con ela: paz, igualdade, inclusión social, progreso e calidade democrática que fixeron de España unha sociedade moderna e avanzada. Por esas e outras razóns debemos coidala e respectala”.

 

 

Acto seguido, dirixiuse aos escolares que presentaron os seus traballos con técnicas fotográficas acompañadas de referencias constitucionais e con coloridos debuxos para plasmar a súa visión os máis cativos. “A ciencia, a investigación e o patrimonio histórico-artístico do noso pobo foron expresados dende múltiples perspectivas, lembrándonos aos poderes públicos o impulso e empeño que debemos por para protexelos dacordo co mandato constitucional. A nosa Constitución é e seguirá sendo peza angular da convivencia democrática e garantía dos dereitos e liberdades fundamentais do pobo español, sendo na escola e nas idades temperás, onde debemos impulsar o coñecemento da lei de leis, xa que eles serán os protagonistas do futuro aos que lles tocará defender eses dereitos e liberdades, por iso eles son os protagonistas de hoxe”.

 

 

Entre os escolares que recolleron os seus premios estaban Hugo Arias Carracedo, alumno de 1º de Bacharelato do colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, que plasmou, a través da “Harinera de A Rúa”, a defensa e protección dos valores culturais; e Adrián Blanco Saucedo do CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras.

 

 

Mencións especiais por “actividades extraordinarias a prol da sociedade”

Durante o acto tamén se entregaron mencións especiais por “actividades extraordinarias a prol da sociedade” á Cruz Vermella en Ourense, pola súa labor na crise da guerra de Ucraína; ao Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña da Pobra de Trives (GREIM), pola súa participación na operación de rescate da avioneta siniestrada en Trevinca o pasado mes de outubro; ao Seprona e á Policía Xudicial de Ourense, pola súa investigación arredor das autorías dos incendios forestais; e a Juan Carlos Blázquez, comisario xefe provincial, despois de 42 anos de servizo. A Subdelegación tamén quixo recoñecer ao exgobernador civil de Ourense Mariano Sanz, impulsor no seu momento deste acto.

 

 

O acto, contou tamén coa presenza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; o presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña; a fiscala xefe de Ourense, Eva Regueiro; e cargos do Congreso, o Senado, o Parlamento galego e deputados provinciais, ademais doutras institucións e representantes dos ámbitos sociais e políticos, entre eles o deputado provincial Aurentino Alonso e o senador Miguel Bautistada.

Ademais do discurso e da entrega de premios, o evento incluía varias actuacións musicais, entre elas a interpretación do hinmo galego e español que poñían o broche.

Máis información e fotos no seguinte enlace: https://osil.info/acto-conmemorativo-do-44o-aniversario-da-constitucion-no-auditorio-municipal-de-ourense/

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button