A VeigaConcellosÚltima hora

Dous meles “Montañas de Trevinca”, no palmarés da XIX Cata dos Meles de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, no acto de entrega de premios da Cata dos Meles de Galicia.

 

Na XIX Cata dos Meles de Galicia un total de 25 industrias presentaban 17 meles para concursar na categoría A, de meles monoflorais; e outros 20 para a categoría B, correspondente a meles multiflorais. Este concurso, organizado pola Consellería do Medio Rural e pola da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, facía entrega neste xoves dos seus galardóns, dos que catro viñan para a provincia de Ourense.

Era o caso do Mel “Montañas de Trevinca” do Concello da Veiga, que lograba o quinto posto na categoría de multiflorais, na que o “Enxebre” de González Carballal SL, con sede en Ourense, era cuarto. Ademais, no apartado de meles monoflorais o “Montañas de Trevinca” de castiñeiro quedaba sexto, sendo curto O Garabulleiro de Carlos González Iglesias, tamén de castiñeiro.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidía esta mañá a entrega destes galardóns e tamén os da XXIII cata dos queixos, onde destacou o prestixio da gastronomía galega en xeral e o dos queixos e meles en particular grazas á calidade das materias primas e do inmensurable esforzo do sector, nun ano atípico no que quedou claro que o medio rural é imprescindible.

Os paneis de cata destes concursos estiveron formados por profesionais experimentados vencellados ao ámbito da gastronomía, da hostalería, da comunicación e do sector agroalimentario. Eles foron os encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras que hoxe foron reveladas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button