A Xunta vén de notificar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de dous novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) na provincia de Ourense, que foron confirmados polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia. Estes focos están localizados nas comarcas veterinarias da Limia e Maceda. Coa declaración destes novos, Galicia ten notificados focos en sete comarcas veterinarias, todas na provincia de Ourense, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta doenza aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Hai, polo tanto, un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Vacina dispoñible desde hoxe
A Consellería do Medio Rural lembra que hoxe comeza a comercializarse a nova vacina Hepizovac fronte á Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), elaborada por Vetia Animal Health, filial da farmacéutica galega Zendal dedicada á sanidade animal.
Esta vacina, que non é obrigatoria e está autorizada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, poderá administrarse a bovinos maiores de dous meses. Trátase dunha suspensión inxectable en dúas doses, que deben aplicarse cun intervalo de tres semanas, e que inmunizará aos bovinos e reducirá os síntomas causados por este virus. É un medicamento suxeito a prescrición veterinaria, polo que será necesaria a presentación de receita.
A produción dunha vacina contra a EHE foi, desde o comezo, unha das principais demandas esixidas polo Goberno autonómico ante o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) dende que a enfermidade chegou ao noso país. Neste sentido, Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en regular e habilitar unha liña de achegas para indemnizar e compensar aos gandeiros polos animais falecidos a consecuencia desta doenza.
Esta partida segue aberta e, dende o 2023 ata o de agora, xa se facilitaron indemnizacións por máis de 196.000 euros. A estas sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o MAPA un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.