DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

2 ouros e 1 prata para o Adas no galego de clubs Sub10 e Sub12

Esta competición autonómica de atletismo celebrábase na mañá deste 17 de maio nas pistas barquenses de Calabagueiros. Pola tarde será o galego Sub14

Excelente actuación valdeorresa no Campionato de Galicia de Clubs Sub10 e Sub12 que se desenvolvía ao longo da mañá do 17 de maio nas pistas barquenses de Calabagueiros coa presenza de centos de atletas chegados de diferentes puntos da comunidade.  O Club Adas, de cuxos equipos tamén formaban parte atletas das escolas municipais de Trives, conquistaba dous ouros e unha prata nesta cita.

A competición finalizaba coas probas de relevos masculinos e femininos e, de seguido, dábase paso á entrega de premios. Os primeiros en subirse ao podio eran os equipos Sub10 masculinos, categoría na que competían dez clubs galegos. Neste caso, o título autonómico era para o Adas, sendo segundo o Club Ourense Atletismo e o terceiro o C. Deportivo Pinarium. Na Sub10 feminina (con 7 clubs), había tamén medalla para as valdeorresas, que desta volta era a de prata, sendo o ouro para Sada e o bronce para C.A. Franciscanos de Lugo.

Xa na categoría Sub12 masculina (con 12 equipos en competición) o Adas volvía ser novamente o mellor club galego, cun total de 95 puntos, seguido do Atletismo Fontes do Sar (78 puntos) e do A. Silva (67). Na categoría Sub12 feminina (con 14 equipos), quedaba na sétima posición, sendo o ouro para o Ourense Atletismo con 93 puntos.

A competición seguirá pola tarde en Calabagueiros co Campionato de Galicia de atletismo Sub14.

Fotos: A.R.
Máis información e fotos:
https://osil.info/o-equipo-feminino-do-adas-roza-o-podio-no-galego-sub14/

Artigos relacionados

Back to top button