DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O equipo feminino do Adas roza o podio no galego Sub14

Lograba un cuarto posto nesta cita coa que se completaba no Barco o campionato galego de clubs de categorías base, celebrado o 17 de maio coa presenza de máis de 500 atletas de diferentes puntos da comunidade

Tras unha intensa mañá de competición galega nas categorías Sub10 e Sub12, que deixaba notables resultados por equipos para o Adas (dous ouros e unha prata), as pistas barquenses de Calabagueiros acollían na tarde do 17 de maio o campionato autonómico de clubs Sub14.

Nesta cita víanse salientables actuacións a nivel individual tanto nas carreiras como nos concursos. Por equipos o triunfo lográbano o Atletismo Vila de Cangas en mulleres (onde o segundo posto era para a A. Viguesa de Atletismo e o terceiro para o Lucus C.R.G.) e o Lucus Caixa Rural Galega en homes (categoría na que a prata lográbaa o C.A Millaraio e o bronce o Ourense Atletismo).

O Adas rozaba o podio e situábase no cuarto posto, a tan so dez puntos do terceiro, dunha clasificación de trece clubs en Sub14 feminina, mentres que na categoría masculina era quinto. Nas actuacións individuais destacan, entre outras, o primeiro posto de María Martín nos 2.000 m marcha ou o de José Novas en triplo.

Coa categoría Sub14  completábase a competición galega por clubs base no Barco, seguida ao longo de toda a xornada a pé de pista polo presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos, quen facía un balance moi positivo tanto dos resultados e da calidade deportiva da canteira galega, como da participación, resaltando o aumento fronte a outras edicións, coa presenza de máis de 500 participantes de todas as comarcas da comunidade. Tamén destacaba o bo labor da organización, cuxo peso recaía na Delegación Valdeorresa da FGA, así como dos xuíces que controlaron as probas.

 

Fotos: A.R., agás as tres últimas que son cedidas pola Federación Galega de Atletismo.
Máis información e fotos:
https://osil.info/dous-ouros-e-unha-prata-para-o-adas-no-galego-de-clubs-sub10-e-sub12-2/

Artigos relacionados

Back to top button