OurenseSen categorizarÚltima hora

Dous romaneses e un marroquí foron detidos en Ourense ao ser os presuntos autores de roubos con intimidación

Os detidos enganaban, supostamente, ás súas vítimas coa compra falsa de móbiles, quedaban con elas para entregarllelos e logo roubábanlles a punta de arma branca  
Os detidos pasaron hoxe a disposición xudicial.

O pasado 30 de xaneiro, axentes da Policía Nacional detiveron a dous individuos de orixe romanesa, sobre ás 20:30 horas, por dous delitos de roubo con violencia e intimidación. Por outra banda, o terceiro detido, de orixe marroquí, foi arrestado polos axentes o 31 de xaneiro ás 15:30 horas por ser o presunto autor de roubo con violencia e intimidación e un delito de agresión sexual.

A un dos detidos, procedente de Rumanía e  de 27 anos, cónstalles 18 detencións anteriores e ao segundo, de 30 anos, un total de catro arrestos anteriores. Pola súa parte, o marroquí, e de 20 anos, tiña dúas detencións anteriores. Dende a Comisaría informaron que, tras pasar a disposición xudicial hoxe, finalmente o xuíz decretou a posta en liberdade do marroquí e acusou de ser autor material do roubo ao romanés de 30 anos.

Segundo fontes policiais, os feitos que motivaron a levar a cabo esta investigación remóntanse ao pasado 10 de xaneiro do 2017, cando recibiron unha denuncia por parte dun individuo de orixe marroquí dun roubo perpetrado por dous varóns de orixe romanesa, “aportando as características e modus operandi”, sinalan ditas fontes.

Tras iso, o 25 de xaneiro, outro cidadán de orixe marroquí denunciou ter sido vítima dun roubo con intimidación por parte de tres individuos que lle ofertaron a compra duns móbiles. Segundo sinalan dende a Comisaría Provincial de Ourense, os supostos “vendedores” desprazaron a este home até a zona de Mende, ás beiras do río Miño, lugar onde supostamente realizarían a transacción. Finalmente non se produxo tal compra, xa que os individuos ameazaron ao denunciante cun coitelo esixíndolle os cartos e o seu móbil. Seguidamente, tras entregarlle este todas as súas posesións, un dos homes, o home de 20 anos natural de Marrocos, díxolle que se espise e “agrediuno sexualmente ademais doutras vexacións sexuais”, apuntan fontes policiais.

A Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría de Ourense, despois de ser analizados os datos aportados pola vítima nas súas declaracións e as informacións obtidas en dilixencias practicadas, consideran a existencia real da relación entre ambos os dous casos de roubo e que había unha conivencia entre os tres detidos para levar a cabo unha trama de engano, ofertando á vítima a compra de teléfonos móbiles ou reloxos de procedencia ilícita para logo roubar ao comprador as súas pertenzas.

Artigos relacionados

Back to top button