Novo roubo no Barco de Valdeorras. Poucos días despois de que a Garda Civil tomara declaración a un veciño da vila como “presunto autor dun delito de roubo con forza nas cousas” nun comercio da zona vella, veñen de denunciar outro roubo.

Nesta ocasión trátase dun particular, un veciño do Barco ao que lle entraban nun baixo da súa propiedade na rúa Conde Fenosa, roubándolle unha importante colección de moedas. “Tiña unhas 600 moedas, algunhas moi antigas”, conta o afectado, indicando que entraron pola parte de atrás, dende o Malecón, saltando o muro e forzando a pechadura, deixando o baixo todo revolto.

Coa denuncia feita ante a Garda Civil, explica moi afectado que se deu conta do roubo na mañá do martes 14 de xaneiro co cal deberon entrarlle na noite do luns. “Xa non é o valor, que tamén porque tiña moedas dende o ano 35 ata o 75, moitas conmemorativas, dos Reis,… pero sobre todo é o disgusto, o sentimento de inseguridade e impotencia”, asegura, destacando que levaba 50 anos colecionando moedas que pensaba deixarlle ás súas fillas “e agora de repente non están e non teño moita esperanza de recuperalas, a verdade”, conclúe.

Fotos cedidas.



