ConcellosRubiáÚltima hora

Dous veciños de O Val, cunha orde de demolición sobre a súa casa, piden a modificación do PXOM de Rubiá

Presentaba unha solicitude por escrito no Concello explicando que a parcela na se atopa a súa vivenda está no perímetro de ampliación deste núcleo rural e que xa dispón de servizos municipais

Publicidade
Plano corresponde ao núcleo rural de O Val, no PXOM de Rubiá.

 

Cando no 2015 Francisco Termenón Díaz decidía construír unha casa en O Val, no termo municipal de Rubiá, neste concello non había plan de urbanismo. Aínda así, esperando que un futuro plan de ordenación a regularizase, fixo a edificación, de planta baixa. “O primeiro erro foi meu, foi unha mala decisión, non debín adiantarme a construír sen ter permiso. Debería ter esperado, pero confiei en que nos meteran no plan porque estamos a 150 m dende as casas do centro do pobo, na zona de expansión”, recoñece este veciño.

O 26 de outubro de 2020 o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Rubiá, pero nel a casa de Francisco Termenón continuaba estando en zona rústica. Tampouco puido presentar alegacións ao documento, xa que cando tivo noticias do plan xa rematara o prazo de exposición pública e estaba aprobado. Actualmente a casa deste veciño de O Val ten unha orde de demolición por parte da Xunta e di que a única forma e evitala é que o Concello faga unha modificación ou unha rectificación do actual PXOM.

Nese senso, Francisco Termenón, que reside nesa casa, e a súa muller presentaron unha solicitude por escrito ao Concello, “pedimos que polo menos se faga un inicio dese procedimento e que nos demostre que se está velando por dous veciños que temos un problema nunha aldea e que estamos pedindo axuda”, di Termenón. En concreto no escrito presentado no rexistro do Concello de Rubiá aseguran que a súa casa está “dentro do perímetro de ampliación do plan, polo que a edificación encóntrase no núcleo rural” e que conta con todos os servizos municipais: abastecemento de augas, rede de alcantarillado, recollida de lixo e iluminación pública, así como acceso directo á rúa da súa ubicación.

E piden na solicitude que se declare a súa parcela “dentro do perímetro de ampliación do núcleo rural de O Val, que se declare a consolidación da edificación existente na mesma, similar á tipoloxía das demais edificacións existentes en dito núcleo rural” e que se recoñezan na citada parcela os servizos municipais dos que dispón e que, “subsidiariamente, se acometan as modificacións necesarias no PXOM para regularizar dita edificación con ampliación da zona de núcleo rural de O Val a terreos colidantes coa rúa Soutelas”.

Este documento presentábase a finais de abril e, polo de agora, os veciños non recibiron contestación.

Dende o Concello de Rubiá o seu alcalde, Elías Rodríguez, aseguraba non poder pronunciarse ao respecto por descoñecer o contido do escrito. “Se se presentou no Concello entendo que estará pendente de informe técnico, primeiro, do arquitecto municipal e, despois, do secretario”, aseguraba o rexedor.

Artigos relacionados

Back to top button