CulturaCulturaÚltima hora

Dúas obras completan as publicacións sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán

Preséntanse no Barco a reedición da biografía a cargo de Ricardo Gurriarán e unha antoloxía poética dirixida por Xesús Alonso Montero, ambos da Editorial Galaxia

 

 

Continúa a exposición no Barco de obras literarias vencelladas a Florencio Delgado Gurriarán, o homenaxeado das Letras Galegas 2022, unha vez máis da man da Editorial Galaxia.

Desta volta foi o turno de dous libros: a reedición da biografía a cargo de Ricardo Gurriarán e máis unha antoloxía poética dirixida por Xesús Alonso Montero, ambos da Editorial Galaxia, cuxo acto de presentación tiña lugar na tarde deste martes 8 de marzo no Salón de Actos do Edificio Multiusos do concello barquense.

Un acto presentado unha vez máis polo alcade do Barco, Alfredo García, que contaba coa presenza dos autores acompañados polo director de Produción de Editorial Galaxia, Xesús Domínguez Dono; polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro; e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. O encargado de presentar a Ricardo Gurriarán, considerado o biógrafo oficial de Florencio “pois a súa é a biografía máis completa que exite do poeta de Córgomo”, era Álvarez Barreiro, quen fixo un pequeno repaso por alguns dos títulos publicados polo historiador. 

 

Antoloxía poética sobre FDG dirixida por Xesús Alonso Montero.

 

No seu turno de intervención, máis que falar do seu libro, Florencio Delgado Gurriarán, vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, que foi publicado por vez primeira en 1999, ou do propio Florencio, Ricardo falou dos “antecedentes” loando as virtudes de Xesús Alonso Montero quen hai xa máis de 50 anos apostou pola obra do poeta valdeorrés sendo “unha escola de criticismo para analizar o que estaba pasando”, dixo, lamentando non ter sido alumno seu, “de ser así algo máis tería aprendido”, apuntou, asegurando que así e todo para el foi unha referencia.

Quen si foi alumna de Xesús Alonso Montero foi Margarida Pizcueta, “no ano 1992 na Facultade de Filoloxía en Santiago de Compostela”, puntualizou, asegurando que unha palabra que define moi ben a relación de Alonso Montero con Delgado Gurriarán é “fidelidade”, dende hai xa moitos anos. “No 2002 xa propuxera a FDG para as Letras Galegas e dezanove anos despois por fin conseguimos esa medalla para Valdeorras”, asegurou dando paso ao gran convidado da noite, quen asegurou estar “encantado de estar unha vez máis nesta terra na que terán lugar os actos centrais das Letras Galegas 2022”.

 

Nova edición da biografía de FDG feita por Ricardo Gurriarán.

 

Xesús Alonso Montero foi unha das figuras que reivindicou o valor da poesía de Florencio e na obra Florencio Delgado Gurriarán, poeta na terra, ona guerra e no exilio. Antoloxía poética, o catedrático afonda nesta no coñecemento da obra lírica do autor, poñéndoa en relación coa súa peripecia vital. Tal como explican dende a editorial, Florencio Delgado Gurriarán é un escritor que hai tempo que reclamaba a atención dos críticos e desde este traballo, “Alonso Montero achéganos á súa nobre obra literaria e á súa biografía na terra, na guerra e no exilio, moi condicionada por acontecementos adversos, onde, nese longo período, o poeta mantivo sempre ergueita a súa dignidade e o seu compromiso cos ideais que abrazara de mozo”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button