
A inexistencia dunha oficina de turismo no Barco é unha das debilidades para a posta en valor como destino deste municipio. Así se reflexa no estudo “Oportunidades de desenvolvemento turístico para O Barco de Valdeorras”, promovido polo Eixo Atlántico, que se presentaba na mañá deste 11 de xuño.
A falta desta oficina turística deriva en dous “agravantes consecuencia disto: falta de recursos humanos dinamizadores de maneira continua e falta de fontes de información turística básicas, que moi ben poderían crearse apenas dende unha oficina”, tal e como se indica no estudo, coordinado por Carmen Pardo.
O alcalde do Barco, Alfredo García, recoñece este baleiro. “A oficina de turismo é imprescindible, é un dos grandes hándicaps que temos, non podemos esperar máis”, destacaba na presentación, na que tamén adiantaba que dende o Concello estase traballando para resolver esta problemática, tendo en conta que nestes momentos as administracións locais non dispoñen de competencias en materia de turismo.