CulturaCulturaEntroido 2021MúsicaÚltima hora

“É tempo de Entroido!” e “Non pare a festa”, dous libros que achegan a tradición aos nenos

Estes libros, o segundo deles publicado o pasado xaneiro, son obra de Ramón D. Veiga e David Sierra

Interior do libro “É tempo de Entroido!” e portada do recentemente publicado “Non pare a festa”.

 

Dar a coñecer aos nenos o Entroido galego máis ancestral a través das súas máscaras, dos versos, da música e mesmo do baile. Con ese obxectivo nacía no 2018 “É tempo de Entroido!” (Xerais), un precioso libro infantil con texto de Ramón D. Veiga e ilustracións de David Sierra. “Sempre me gustou disfrazarme, e lembro facelo dende moi pequeniño, pero só coñecía o Entroido de Fene, de onde son, de Ferrol e o da Coruña cando fun estudar alí. Sabía do Entroido de Laza, e un ano convidoume unha amiga cuxa avoa era de Toro (Laza), fun e foi nese momento cando descubrín os Peliqueiros, tamén nesa viaxe coñecín o Entroido de Xinzo, o se Sarreaus e moitos outros lugares. Quedei prendado do Entroido tradicional galego”, confesa Ramón D. Veiga.

E desa fascinación nacía a idea de achegarlle ese universo aos máis pequenos. “Gústame escribir para nenos e pensei que había moitos cativos que se estaban perdendo iso. Os nenos das vilas onde hai unha figura de Entroido xa a coñecen, pero os de cidades como Coruña, Ferrol ou Vigo, descoñecen toda esa riqueza que temos”, prosegue Ramón D. Veiga que se embarcaba neste proxecto xunto ao  ilustrador David Sierra, quen descubría así esta tradición.

“Aínda que a ilustración infantil dache certa licenza para adaptar as formas e os detalles, ao final, nestes personaxes de Entroido hai moita tradición e é importante ser o máis fiel posible, por iso documenteime moito para preparar o libro. De feito esa foi unha das partes máis bonitas e máis entretidas do proxecto, porque atopei moita información, moitos traxes e tradicións descoñecidas para min”, explica Sierra.

 

Autorretrato do ilustrador David Sierra.

 

Dese labor conxunto e consensuado xurdía o xa citado “É tempo de Entroido!”, no que algunhas das máscaras máis representativas do Entroido das catro provincias galegas (entre elas un Boteiro de Viana, un Cigarrón de Verín ou unha Mázcara de Manzaneda) se xuntan para preparar un xantar propio desta festa de inverno: un cocido. E cada unha delas aporta un ingrediente. O texto está escrito en verso e constitúe a letra dunha canción (co mesmo título que o libro e á que pon música Isabel Fernández Reviriego), que pode escoitarse escaneando o código QR que aparece na contracuberta do volume.

Outra parte clave é a visual, cunhas coidadas ilustracións das máscaras, que transmiten con forza o seu cromatismo e dinámica. “O traballo do color é unha das partes que máis me gustan e neste caso seleccionei colores moi básicos e poucas tintas, porque tamén a complexididade dos traxes lévame a simplificar as liñas e as formas e as cores para alixeirar un pouco o libro. Normalmente utilizo colores moi vivos e saturados, alegres que lle viñan moi ben ao libro. E logo facer que estes catro ou cinco cores non sexan aburridos e monótonos é cuestión de combinalos adecuadamente. Por iso, máis aló de traballar coa ilustración de cada personaxe individualmente, hai que ter en conta que o libro debe funcionar como unha colección de ilustracións seguidas, e detrás disto hai bastante traballo”, explica David Sierra.

 

Ramón D. Veiga, autor do texto de ambos libros./ Foto: Plumeria Fotografía.

 

O libro tamén se converte nun divertido recurso didáctico para os rapaces, que cantan e aprenden a canción. “Preténdese dar a coñecer os Entroidos a través das máscaras de cada lugar e, a partir de aí, se ao profesor lle interesa pode investigar máis sobre onde se celebra, como se celebra, como é o traxe, de que está feita a máscara… Nós damos a base para facer un traballo moi bonito para calquera colexio de Galicia”, comenta Ramón D. Veiga.

Tras a boa acollida de “É tempo de festa!”, e tendo en conta a gran cantidade e diversidade de máscaras galegas, ambos autores daban un paso máis e o pasado 21 de xaneiro publicaban un novo libro “Non pare a festa. É tempo de Entroido 2” (Xerais, 2021), onde aparece outro conxunto de máscaras galegas, desta volta, “armadas de instrumentos musicais e outros útiles para montar estrondo” e formar un folión: o Boteiro de Vilariño, a Gárgola de Celanova, o Vellarrón de Riós, as Mázcaras da Xironda e as de Buxán…

De novo aparecen os versos e unha canción. “O Entroido é música, é canción, é festa e penso que un libro rimado é máis fácil de aprender para os nenos e máis se te apoias nunha canción, coa que  acaban aprendendo as estrofas, quedándose co nome da máscara, co lugar de onde é”, asegura Ramón D. Veiga. Neste segundo libro a canción “Non pare a festa” está interpretada por Os Amigos dos Músicos e conta ademais cun vídeo realizado por Siradella Films.

Deste xeito “É tempo de Entroido!” e “Non pare a festa” constitúen dúas interesantes propostas para que os nenos descubran unha das tradicións máis ancestrais e sentidas do rural galego.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button