CulturaMúsica

“É un traballo de mestizaxe atlántica”

Óscar Ibáñez presenta “Alén do mar”, o seu último disco, en Cabeza de Manzaneda
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Con “Alén do mar” o gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez convida a unha singladura de ida e volta polo Atlántico. Un traxecto sonoro e tamén mítico, que parte do poema “O fillo de Celt” de Ramón Cabanillas. Once temas nos que os sons galegos se funden con vascos, flamencos ou latinoamericanos no primeiro disco en solitario deste músico e investigador. Presentábao en Cabeza de Manzaneda, “nun entorno gaiteiro e con xente especializada, por iso supón unha boa oportunidade para difundilo”, asegura.

¿Como xurde “Alén do mar”?
Está inspirado nun poema de Ramón Cabanillas que trata da ascendencia mitolóxica de Celt, uníndoa coa tese do Colón galego. O disco versa sobre as músicas de ida e volta Galicia-América, como un irmanamento musical do vello e do novo mundo tamén baseado na miña experiencia como profesor de gaita en 1997 nos centros galegos de Chile, Perú, Arxentina, Cuba, México, Estados Unidos, Reino Unido, Suíza… Desa bagaxe xurdiu este traballo de irmanamento e mestizaxe atlántica.

¿Que melodías soan nesta viaxe?
Hai ritmos de influxo europeo que nos deixa o Camiño Norte a Santiago en Euskadi como “Arin-arin”, tamén muiñeiras e xotas galegas, unha das cales (a “Xota de Forcarei”) fai unha pausa no sur fusionándose co flamenco o mesmo que facían antano as carabelas na súa viaxe a América ou os barcos da emigración. Temos tamén un choro brasileiro, un tango arxentino, unha habanera cubana, uns vals venezolano…

É unha viaxe de ida e volta a trávés do oceáno con moitas referencias ao repertorio galego e tamén á historia de Benito Soto, o último pirata de Pontevedra. Todos estes xéneros e músicas do disco están baseados en tres elementos culturais: o europeo, o africano e o indíxena. Foi un traballo moi arduo, sobre todo na produción, porque hai moitísimas colaboracións, non só de músicos da miña banda (“Óscar Ibáñez&Tribo”), senón tamén doutros músicos galegos, arxentinos, venezolanos, brasileiros, cubanos ou irlandeses, para dar en cada un dos temas a cor, a sonoridade axeitada e específica que nos traslada non só no espacio, senón tamén no tempo.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button