PolíticaÚltima hora

Eduardo Ojea pide no Parlamento galego que a Xunta inicie a mellora da estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña)

O deputado socialista salienta a importancia da vía como saída natural de Valdeorras cara Vigo, Madrid e a Portugal

O valdeorrés Eduardo Ojea, deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento galego./ Cedida.

 

O deputado valdeorrés do PSdeG-PSOE Eduardo Ojea vén de presentar unha pregunta oral na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que poña en marcha as obras de mellora da estrada OU – 533 que une A Rúa e A Gudiña. Esta vía de comunicación constitúe “a saída natural de Valdeorras ata Portugal ou a Madrid e Vigo”.

Ojea resalta a importancia da estrada “tanto para os valdeorreses como para os nosos veciños do Bierzo”, ademais de comunicar coa estación de AVE de A Gudiña, co que “o incremento na mobilidade por dita estrada fai que necesite dun arranxo importante”. Sinala que “por enriba de todo dende Viana ata A Gudiña o trazado necesita dun terceiro carril polo perigo que implica, curvas continuas e sen beiravía ao longo dos 10 quilómetros que separan das dúas localidades”.

Explicou que “a mellora contribuirá ao reequilibro territorial dos municipios da súa influenza ante a posta en servizo da nova estación do AVE”, ademais de que “suporá a mellora das comunicacións dos concellos da zona oriental de Ourense con Madrid pola A-52 e tamén coa fronteira portuguesa”. Alertou da “falla de resposta” da administración diante dunha necesidade perentoria “na que todos estamos de acordo”.

Dende o goberno galego asegúrase que se avanza no estudo para a redacción do proxecto de mellora da estrada OU-533, que financiará “con fondos propios da Comunidade Autónoma ante o rexeitamento do Goberno de investir na mobilidade do rural”. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detallou que se están a identificar as actuacións a realizar para proceder á redacción do proxecto.

O director detallou que se están a valorar obras como a Variante da N-525 e da OU-533 na Gudiña, e a mellora dos enlaces da A-52. Tamén citou o acondicionamento da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, o treito que precisa dunha actuación de maior calado, tanto para aumentar a lonxitude de terceiros carrís de adiantamento como para rectificar o trazado e suavizar as curvas.

Apuntou a unha Variante de Viana do Bolo, pois o paso por este núcleo é complicado para o tráfico rodado normal e máis para os transportes especiais. Ademais concretou a necesidade do acondicionamento da OU-533 entre Viana do Bolo e A Rúa, coa rectificación de curvas e terceiros carrís.

Artigos relacionados

Back to top button