
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional renovará os convenios de colaboración asinados cos Concellos de Manzaneda e Oroso para a prestación do servizo de comedor escolar a 131 usuarios, por un importe de 80.990 euros para os dous vindeiros cursos 2020/21 e 2021/22, tal e como autorizou hoxe o Consello da Xunta.
En concreto, os acordos refírense ao CEIP de Manzaneda (31 usuarios, un 19% máis de prazas que no anterior convenio), e do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso), con 100 usuarios, que mantén as mesmas prazas que no anterior convenio.
No marco destes convenios de colaboración, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, os Concellos comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas, segundo informa a Xunta de Galicia.
A día de hoxe a Consellería de Educación mantén convenios de colaboración con 15 concellos de Galicia.