En portadaÚltima hora

Eladio Santos: “Basearei as miñas decisións no coñecemento do territorio e no coñecemento global do país”

Este docente valdeorrés vén de prometer o seu cargo como subdelegado do Goberno en Ourense

 

“Traballarei con humildade e determinacón baseando as miñas decisións no coñecemento do territorio e no coñecemento global do país e do estado”, dicía no novo subdelegado do Goberno en Ourense, o valdeorrés Eladio Santos Martínez, tras prometer o seu cargo este mediodía na capital da provincia. Estaba acompañado de numerosas autoridades, entre elas o delegad do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, así como dos subdelegados das outras provincias galegas, do presidente da Deputación de Ourense e do delegado da Xunta, entre outros cargos, tanto a nivel galego como provincial e local. Non faltaban tampouco responsables locais de Valdeorras, así como familiares de Santos e compañeiros na docencia.

Na súa intervención, o novo subdelegado do Goberno en Ourense agradecíalle a Pedro Blanco “ter confiado en min para ser parte do seu equipo e ofrecerme esta oportunidade de servizo ao país, e tamén ás persoas que me apoiaron e impulsaron a aceptar esta nova responsabilidade”. Recoñecía que a provincia de Ourense “ten moitos problemas, como o envellecemento demográfico, a perda de poboación nos concellos rurais, o deterioro dalgúns servizos, necesidades de mellora nas comunicacións, no transporte e na vivenda ou a ameaza permanente do drama da violencia de xénero”. Se ben apuntaba que as “dificultades, os problemas ás veces poden converterse en retos e oportunidades. Detectar eses problemas e coñecer as necesidades é o punto de partida e a mellor forma de resolver e de avanzar”.

Santos falaba de Ourense como unha “provincia dinámica e hai que ter esperanza. Dá mostras do seu talento e riqueza” e neste senso mencionaba o sector mineiro “como potencial industrial” e tamén ao comercio da cidade e das vilas, do que resaltaba a súa resiliencia. Tamén aludía á cultura e ao patrimonio histórico e natural que “aporta o seu valor engadido ao turismo de calidade, que é o noso obxectivo”. Concluía dicindo que “Ourense é unha terra de oportunidades” e poñéndose a disposición de alcaldes e alcaldesas, así como dos sindicatos, asociacións e forzas e corpos de seguridade “para contribuír ás transformacións que precisa a nosa provincia”.

 

 

Tras Santos, tomaba a palabra o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que animou hoxe ao novo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, a asumir o reto de impulsar e difundir os investimentos e proxectos que desenvolve o Goberno de España nesta provincia e a garantir á súa cidadanía unha Administración aberta, próxima e resolutiva. “Desde hoxe, tes a misión de ser o Goberno de España na provincia, de ser o reflexo do Goberno do presidente Pedro Sánchez”, sinalou.

De Santos destacaba a súa valía profesional e a “xenerosidade e diálogo que marcaron a súa traxectoria profesional no ensino público”. Na súa intervención, o delegado reiterou o papel da Subdelegación como “axente catalizador e canalizador da acción do Goberno na provincia” que se traduce no seguimento das distintas actuacións do Goberno, con especial atención ás infraestruturas, ou na execución dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en concellos e empresas. “A cidadanía ten dereito a saber que o Goberno de España está detrás da vivenda social, das axudas para a mellora da eficiencia enerxética das vivendas, da renovación dos equipamentos dos hospitais ou das actuacións para o fomento da mobilidade sostible, entre outros”, insistiu.

Tamén o delegado tivo palabras para Emilio González, predecesor no cargo, a quen agradeceu os cinco anos á fronte do Organismo “nos que sempre estivo moi presente a túa vocación de servicio público, que xa tiñas como médico pero que se acentuou máis durante o teu paso pola Subdelegación de Ourense”.

En resposta, Emilio González agradeceu ao Goberno a confianza depositada na súa persoa ao longo destes anos e tivo palabras de recoñecemento á entrega e lealdade das persoas que traballan na Subdelegación do Goberno, Policía Nacional, Garda Civil e organismos da Administración do Estado na provincia.

 

 

Novo subdelegado do Goberno

O novo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, foi nomeado esta semana a través dunha resolución asinada polo delegado do Goberno e que sairá nos vindeiros días publicada no BOE. Nacido no Barco de Valdeorras en 1964, é catedrático de Ensino Secundario na especialidade de Xeografía e Historia, e ata agora impartía docencia no IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Como xesto cara a súa profesión docente, Eladio Santos prometeu hoxe o cargo sobre un exemplar da Constitución Española aberto pola páxina do artigo 27 que recoñece o dereito fundamental de todas as persoas a recibir unha educación e garante a liberdade de ensino.

Acto na Subdelegación

O acto de toma de posesión celebrouse na sede da Subdelegación do Goberno en Ourense e contou coa asistencia de autoridades locais e provinciais e responsables de distintos organismos e institucións. Asistiron varios voceiros parlamentarios; o presidente da Deputación de Ourense; as subdelegadas do Goberno na Coruña e en Lugo e o subdelegado do Goberno en Pontevedra e o delegado territorial da Xunta, entre outras autoridades.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button