CulturaCulturaÚltima hora

Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro regresan aos escenarios con ‘Contos e cantares no Camiño’

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou este espectáculo que mestura música e lilteratura

Publicidade
Presentación do espectáculo.

 

Na mañá deste luns 10 de outubro, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentaba ‘Contos e cantares no Camiño’, un evento que supón o regreso de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro aos espectáculos de índole musical e literaria.

Esta actividade pretende “trasladar o optimismo e a importancia da palabra, dos consensos e os acordos, ás catro provincias galegas e a lugares emblemáticos do Camiño de Santiago”, dixo o delegado, explicando que mestura música, poemas, cancións e contos dun modo homoxéneo e cunha única finalidade “vencer aos malos tempos e resaltar a importancia do Camiño, das voces, da palabra. A palabra como vehículo de comunicación, pero tamén como substrato artístico”.

Gabriel Alén destacou que este espectáculo é un traballo inusual dentro do mundo musical e cultural galego con “textos capaces de emocionar a quen os escoite; prosas e poemas e cancións que falan das virtudes das xentes de Galicia, o seu modo particular de sentir e encantarse co cotián”.

 

O músico Emilio Rúa, o delegado da Xunta en Ourense Gabriel Alén e escritor Xosé Carlos Caneiro.

 

Os textos, con fondo musical orixinal de Emilio Rúa, serán compartidos coas cancións deste cantautor dotado cunha voz propia orixinal e profundamente sentimental, tenra, sensitiva. Todas de raíz galega, pero tamén cosmopolita, e trenzadas magnificamente para converter cada concerto nun motivo de felicidade para os espectadores. “As voces de Rúa e Caneiro penetran nos sentidos e elevan, envolven, crean un vínculo sentimental profundo”, dixo Alén.

Para o delegado territorial, trátase dunha obra, “única, que será capaz de conquistar a públicos de todas as idades, dende melómanos a persoas que gocen coa arte actual e, fundamentalmente, coa literatura que vai directa ao corazón”. As pezas inspíranse en músicas de influencia tradicional e, tamén, nas músicas máis avanzadas e contemporáneas, mentres que a posta en escena, nos directos, é unha reivindicación da emoción máis profunda e humana. “Un grito a favor de Galicia, do Camiño Xacobeo, e a felicidade en indisoluble unión”.

Estes recitais-concertos desenvolveranse o 13 de outubro en Ourense, no Liceo ás 20h; o 15 de outubro na Gudiña, no Albergue de peregrinos a Casa da Viúva ás 19h; o 28 de outubro en Arzúa (A Coruña) na Capela da Madalena ás 21h; o 29 de outubro en Xunqueira de Espadanedo, no Mosteiro de Santa Maria ás 20h; o 30 de outubro en Esgos, no Mosteiro de San Pedro de Rocas ás 18h; e o 5 de novembro en Vigo, no Museo do Mar de Galicia ás 18h.

Artigos relacionados

Back to top button